Salvemos Cabana tamén pide o cesamento do director xeral investigado por prevaricación ambiental
A plataforma Salvemos Cabana reclamou este xoves o cesamento do director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, tras coñecer que está a ser investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental en relación co proxecto de San Finx, en Lousame, algo polo que o colectivo considera que "non debe seguir no seu posto nin un minuto máis".
A través dun comunicado, a plataforma apunta que "os indicios" sobre o caso que "relata a Fiscalía de Medio Ambiente" din que "a Dirección Xeral de Minas, co investigado á fronte, aprobou a reapertura do proxecto extractivo, suprimiu a necesidade de Estudo de Impacto Ambiental como condicionante e, supostamente, existiu permisividade coa contaminación mineira".
"Son razóns máis que suficientes para que Anxo Bernardo Tahoces sexa cesado á fronte do cargo público que ocupa", apunta Salvemos Cabana, que acusa a Tahoces de "converter ás alancadas algúns dos puntos máis valiosos da contorna natural galego en chan industrial", mencionando outros proxectos como os eólicos de Mouriños e Pena Forcada-Catasol II.
Escribe o teu comentario