Unha fronteira para descubrir e non só para cruzar
O Eixo Atlántico impulsa un novo concepto para poñer en valor o turismo, o patrimonio natural e cultural dos territorios de fronteira.
O Eixo Atlántico impulsa un novo concepto para poñer en valor o turismo, o patrimonio natural e cultural dos territorios de fronteira.
A cidade de Braga acollerá o primeiro foro de Turismo de Fronteira Europeo / Foto: Concello de Braga
Braga converterase o próximo 30 de maio na capital do ‘Turismo de Fronteira Europeo’, un concepto que xorde no marco dos proxectos ‘Destino Fronteira’ , e EPICAH, encabezados polo Eixo Atlántico.
Desta forma, a cidade lusa converterase na anfitrioa do primeiro foro que abordará o Turismo de Fronteira, un concepto que pretende ser o seguinte nivel da formulación ‘Dous países, un Destino’, tamén impulsado polo Eixo Atlántico en referencia aos vínculos de Galicia co norte de Portugal e que se volveu un lema transfronteirizo noutros puntos do vello continente.
Este concepto, así mesmo, desenvolve unha estratexia baseada na preservación do patrimonio natural e cultural dos territorios de fronteira para o seu aproveitamento económico a través dun turismo sustentable. A idea que impulsa é a de convidar as persoas a que percorran a fronteira e que non se limiten a cruzala, xa que estas adoitan ser territorios con gran riqueza histórica, cultural e natural.
VISTAS Ao FUTURO
Aínda que o Foro de Braga terá lugar o próximo 30 de maio, os organizadores xa teñen un plan a medio e longo prazo . Así, hai programada unha reunión o próximo novembro en Bruxelas cos eurodeputados que sairán das urnas en maio coas eleccións ao Parlamento Europeo. A reunión busca ser a primeira pedra de toque para dar o empuxón ás políticas de turismo de promoción do patrimonio cultural e natural que inclúa, entre outras moitas cuestións, o posible nomeamento dun Comisario Europeo de Turismo e Patrimonio.
'EXPOCIDADES'
O Foro de Braga contará con especialistas e personalidades procedentes de toda Europa e ambiciona ser o punto de encontro dos sectores da eurorrexión implicados no desenvolvemento do turismo transfronteirizo.
De igual maneira, o Foro é de carácter aberto, aínda que require de inscrición gratuíta, aberta ata o próximo 13 de maio ou ata a ocupación das prazas dispoñibles co fin de garantir a calidade do debate entro os asistentes.
As citas do encontro, que se estenderá do xoves 30 de maio ao domingo 2 de xuño, serán previas á apertura de ‘Expocidades’, a Feira de Turismo de Proximidade do Eixo Atlántico, que no contexto da Semana do Turismo de Fronteira Europeo de Braga, abrirá as súas portas o día 31 ata o citado domingo 2 de xuño.
DOUS PROXECTOS LIDERADOS POLO EIXO
Tanto o Proxecto Destino Fronteira como o Proxecto EPICAH comparten ao Eixo Atlántico como nexo de unión. Por unha banda, Destino Fronteira é un proxecto no que participa o conxunto da fronteira hispano lusa, a través dos socios da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET). Esta plataforma é a encargada de identificar as posibles fontes para potenciar o desenvolvemento económico e a repoboación da fronteira, sempre por medio dun turismo sustentable enfocado á cultura e ao patrimonio natural e monumental.
De igual maneira, EPICAH está constituído por un grupo de traballo formado por oito rexións fronteirizas europeas. Este grupo, con dous anos de antigüidade, analiza e reflexiona as propostas destinadas á preservación do patrimonio rexional e o aproveitamento turístico.
Escribe o teu comentario