A película das galegas pioneiras no matrimonio homosexual estreada no Festival de Berlín

A peripecia de Elisa e Marcela, que casaron pola Igrexa a principios de século, é a protagonista da última cinta de Isabel Coixet


|

peripecia de Elisa e Marcela, que casaron pola Igrexa a principios de século, é a protagonista da última cinta de Isabel Coixet


Varias cintas galegas, como obras de Lois Patiño e Ignacio Vilar, promociónanse no mercado que se celebra no marco do festival


A película 'Elisa e Marcela', que conta a historia das dúas galegas que a principios do século XX protagonizaron a que está considerada como primeira voda homosexual en España, terá a súa estrea mundial este mércores no Festival Internacional de Cinema de Berlín.



Marcela elisa

Marcela e Elisa tras a voda, fotografadas por José Sellier | wikimedia


'Elisa e Marcela' é a película coa que a realizadora Isabel Coixet opta ao premio Oso de Ouro. Conta cunha repartición no que participan varios intérpretes galegos e foi rodada en varias localizacións da Comunidade. Ademais, a súa produtora, Zenit TV, foi a adxudicataria dunha das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).


A estrea desta longametraxe enmárcase no European Filme Market (EFM) de Berlín, no que se presenta unha ampla delegación comercial de audiovisual galego que coordina a Xunta a través da Agadic, da que forman parte 17 empresas produtoras e distribuidoras.


Segundo informa a Consellería de Cultura e Turismo nun comunicado, os representantes traballan durante o evento na procura de acordos de coprodución, vendas e distribución internacional neste "importante mercado", que se desenvolverá ata o próximo día 15 de febreiro en paralelo á 69ª edición da Berlinale, o Festival Internacional de Cinema de Berlín.


No marco do programa autonómico de internacionalización do audiovisual galego e baixo a marca 'Films from Galicia', atópanse na cidade alemá os representantes de produtoras como Big Rights, Boneca Lareta, Filmax, Filmika Galaica, Ollovivo Producións, Vía Láctea Filmes ou o Clúster Audiovisual Galego (Clag).


TÍTULOS GALEGOS

As empresas galegas participan na 31ª edición deste mercado, "un dos máis importantes deste sector a nivel mundial", cunha serie de títulos cada unha tanto en proxecto, como en fase de produción ou xa terminados.


Deste xeito, Gaitafilmes céntrase de forma prioritaria en pechar o financiamento e en buscar potenciais coproductores para 'Welcome to ma maison', a próxima longametraxe de Andrés Goteira.


Así mesmo, Matriuska acode con tres producións: 'Que fixemos mal?', de Liliana Torres; 'A media voz', de Patricia Pérez e Heidi Hassan; e 'Mr Stevens', de César Souto. Con estas apostas busca acordos de explotación e vendas no exterior.


Pola súa banda, Ollovivo atópase en Berlín co proxecto en postproducción 'EroskiParaíso'. Trátase dunha longametraxe experimental de Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra de teatro homónima de Chévere. Tamén se presenta na capital alemá o proxecto en desenvolvemento 'Corpo aberto', unha película de Ángeles Huerta que adapta un relato de terror de Xosé Luís Méndez Ferrín.


Ademais, trabállase estes días en Berlín noutras propostas galegas como 'Aura 1964', de Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes; ou 'Tempo vertical', de Lois Patiño e a produtora Zeitun Films.


TÍTULOS SUBVENCIONADOS POLA XUNTA

Algúns dos títulos, como 'Aura 1964', 'Tempo vertical', 'Que fixemos mal?', 'Feedback', 'A media voz' ou 'Welcome to ma maison', contaron con apoio económico da Agadic, ben a través da convocatoria de subvencións a produción, ben na de desenvolvemento de proxectos.


Outro dos momentos importantes para o audiovisual galego nesta cita internacional será o evento especial que terá lugar a noite deste luns no Academie Lounge e que organizan a Agadic e o Clúster Audiovisual Galego.


As empresas galegas contan no EFM cun espazo propio para as súas reunións de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau.


Nel achégase unha nova edición para 2019 do catálogo Films from Galicia destinado aos axentes de vendas internacionais. O catálogo conta con 43 producións e proxectos de longametraxes de ficción, animación, documentais e películas, así como series e formatos televisivos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE