Porqué empezan arder ambulancias en Galicia e porqué poden arder aínda máis
Acabou pasando o que todo o mundo temía que pasase. Tras anos emponzoñándose, o conflito social no sector de ambulancias entra nunha nova e perigosa fase cos ataques desta noite.
Acabou pasando o que todo o mundo temía que pasase. Tras anos emponzoñándose, o conflito social no sector de ambulancias entra nunha nova e perigosa fase cos ataques desta noite.
ORIXE DO CONFLITO E LICITACIÓN INVESTIGADA
A conflitividade nace das bajísimas licitacións efectuadas no seu día pola Xunta. Coa escusa da crise, a Fundación 061 sacou uns concursos paupérrimos.
As empresas adxudicatarias gañadoras enseguida denunciaron que perdían diñeiro prestando o servizo a eses prezos, impulsados máis á baixa por o desembarco dun gran operador estatal con vínculos co PP, Ambuibérica.
A Xunta ignora as constantes peticións da patronal para subirlles os contratos. De fondo, a denuncia de presentada por unha pequena empresa galega de que polo menos ouna das licitacións se amañó para favorecer a Ambuibérica, denuncia pola que está imputado nos xulgados polo menos un técnico da Fundación 061.
O recorte executado por PPdeG acabou afectando os traballadores. A patronal negouse a renovar o convenio durante anos e, de feito, en recentes negociacións propuxo recortar os salarios un 10%.
UNHA ESCALADA CON PRECEDENTES
Os traballadores levan anos mobilizándose para que a patronal abandone tales propostas e a Xunta dignifique o servizo. Reivindicacións, como poñer fin ao abuso de persoal en prácticas, que non serviron para nada.
Esta semana parecía que se daba un paso adiante ao coñecerse que o 061 ía licitar novos contratos de ambulancias. Agora ben, os novos contratos adxudicaranse no outono. Demasiado tarde para acougar o sector; pois a partir de primavera a patronal galega de ambulancias xa dixo que deixará de prestar o servizo á Xunta, simplemente porque non pode asumir custos.
As FOLGAS NON TROUXERON AVANCES
Xusto cando se anuncian as novas licitacións -cuxo importe descoñécese- o conflito social escala de categoría. De concentracións e folgas (con escaso impacto ante os servizos mínimos do 100%) pásase a unha acción coordinada na que alguén ataca seis ambulancias aparcadas de noite, queimando unha.
Ambulancia ardendo en Tui | Telemariñas
Que ardan ambulancias durante un conflito sectorial non é algo novo; nin en Galicia nin noutras partes do Estado. O máis precupante desta situación é o enfrontadas que están as posturas. tras anos de diálogo de xordos.
A Xunta insiste en que non é o seu problema se as empresas non poden sacar beneficios coas ofertas presentadas. As empresas insisten en que así non poden seguir. E os traballadores insisten en que eles non teñen porque pagar o pato de todo isto.
Unha solución posible sería que a Xunta adiantase os novos contratos e a Fundación -cuxa cúpula directiva renovouse recentemente- licitase por un importe superior aos actuais. Os empresarios esixen 51 millónes. Pero, por agora, a Xunta limítase a que vai garantir, como sexa, que se cumpra co servizo público.
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condenou os "actos vandálicos" e as "sabotaxes" sufridas por seis ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) ao longo da madrugada deste domingo e garantiu a cobertura sanitaria nas urxencias e emerxencias "a toda a poboación, as 24 horas e en toda Galicia".
Tal como sinalou a Xunta nun comunicado, durante a pasada noite, as unidades asistenciais dos concellos coruñeses de Sada, Cambre e Arteixo, así como dos municipios de Arbo, Tomiño e Tui, na provincia de Pontevedra, sufriron "actos vandálicos e sabotaxes", que no caso de Tui, "culminaron co incendio dun vehículo".
"Todas estas unidades asistenciais foron substituídas no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con total normalidade", asegurou o Goberno autonómico.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 apuntou que se trata duns actos "inadmisibles" que, ao seu xuízo, "poñen en risco a saúde de todos aqueles cidadáns que puidesen necesitar ser atendidos en situación de urxencia", polo que fixo un chamamento á "responsabilidade e ao respecto" cara aos bens e as persoas.
Ademais, destacou que "continuará traballando de forma responsable e comprometida" para poder prestar "a mellor asistencia sanitaria urxente", sen que accións como esta "prexudiquen a calidade da asistencia".
Escribe o teu comentario