Arxentina lembra a Castelao a ritmo de muiñeira
Buenos Aires, a outrora considerada ‘Quinta Provincia’ de Galicia, lembrou a Castelao no 69 aniversario da súa morte. O escritor, debuxante e político, unha das figuras máis importantes da cultura galega do S. XX, estivo exiliado en Arxentina, onde faleceu en 1950 no Centro Galego de Buenos Aires.
Buenos Aires, a outrora considerada ‘Quinta Provincia’ de Galicia, lembrou a Castelao no 69 aniversario da súa morte. O escritor, debuxante e político, unha das figuras máis importantes da cultura galega do S. XX, estivo exiliado en Arxentina, onde faleceu en 1950 no Centro Galego de Buenos Aires.
O son das gaitas marcou o inicio da homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (Fagra) celebrou este sábado en Buenos Aires no 69 aniversario da súa morte.
Preto de un centenar de persoas asistiron á praza céntrica que leva o seu nome na capital arxentina para lembrar ao histórico político galeguista ao ritmo de muiñeiras, xotas e pasodobres, así como do himno oficial de Galicia.
Bandeiras galaicas, arxentinas e a tricolor española ondearon mentres se realizou a tradicional ofrenda floral aos pés do busto que Castelao ten a escasos metros da avenida 9 de xullo de Buenos Aires.
O presidente da federación, Diego Martínez Duro, sinalou que xa é hora de deixar de "traizoar" os desexos e principios que o escritor rianxeiro defendeu en vida.
"Hai 69 anos Castelao morría aquí en Buenos Aires. Algúns que non pensaban como el leváronllo a Galicia. Algúns que dicían que pensaban como el deron o visto e prace para levarllo, aínda que el só quería volver a Galicia cando esta sexa realmente libre e creo que é hora de non volver traizoalo máis", apuntou Martínez Duro.
Con estas palabras, o director de Fagra referíase á polémica xurdida en 1984, cando os restos mortais de Castelao foron trasladados desde o panteón do Centro Galego de Buenos Aires, onde faleceu o 7 de xaneiro de 1950, ao Panteón de Galegos Ilustres, situado na igrexa de Santo Domingo de Bonaval en Santiago de Compostela.
Martínez Dura remarcou, ademais, que nun tempo no que "está a discutirse moito en Galicia sobre o patrimonio cultural" creado polos galegos no exterior, especialmente en Arxentina, é importante "demostrar que esta colectividade está viva".
Escribe o teu comentario