O discurso de Santalices, “un insulto á intelixencia” para Marea Feminista
A Marea Feminista, sección feminista de En Marea, considera que o discurso de Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, é un claro “exercicio de abandono de funcións”.
A Marea Feminista, sección feminista de En Marea, considera que o discurso de Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, é un claro “exercicio de abandono de funcións”.
O presidente do Parlamento Miguel Ángel Santalices.
O discurso de Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, durante a celebración da Translación dos restos do Apóstolo Santiago non deixou indiferente a ninguén. Durante a Ofrenda Nacional, onde exerceu como delegado rexio do rei Felipe VI, o presidente do Parlamento autonómico lamentou non ter “a fórmula que permita erradicar secuelas" como a violencia no ámbito familiar e contra as mulleres.
Para A Marea Feminista este discurso supón “un insulto á intelixencia”. "É inconcibible que o Goberno de la Xunta, en lugar de implementar políticas que erradiquen a violencia cara ás mulleres, tómbeas cando son votadas no Parlamento coa súa maioría absoluta e faga un exercicio de abandono de funcións solicitando a intercesión do Apóstolo para 'solucionalo'", lamenta o organismo, que pide que Santalices deixe de lado esas peticións.
Do mesmo xeito, a sección do partido instrumental tacha de cínicas as palabras do presidente do Pazo do Hórreo, mentres que o PP "nou entende nin ten a máis mínima vontade de entender o que é, o que implica e as consecuencias da violencia machista", xa que, segundo o organismo feminista, a Xunta "recorta sistematicamente os recursos persoais, materiais e económicos para previr e intervir contra a violencia machista" mentres "pide auxilio ao Apóstolo".
Por isto, A Marea Feminista lamenta que o goberno galego siga “incumprindo a lexislación en materia de igualdade e violencia machista", en referencia ao fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia onde se sentencia que a Xunta “actuou con vontade de privar de repercusión apreciable" os paros da xornada do 8 de marzo. "Non levan a cabo, por falta de vontade política, medidas que poderían redundar en beneficio para toda a sociedade, como o aumento de xulgados de violencia de xénero dotándoos de persoal e recursos suficientes, implementar a coeducación e a prevención no ámbito educativo ou dotar presupuestariamente con recursos suficientes as partidas económicas vinculadas", sentencia Marea Feminista.
Escribe o teu comentario