Marilar Aleixandre: “Durante moitos anos considerouse que con que houbese un par de mulleres na RAG xa era suficiente; isto está a cambiar”

A escritora e académica da Real Academia Galega Marilar Aleixandre atende a Galiciapress para falar de feminismo, do papel da muller nas letras ou dos episodios machistas que sacudiron recentemente á USC.


|

A escritora e académica da Real Academia Galega Marilar Aleixandre atende a Galiciapress para falar de feminismo, do papel da muller nas letras ou dos episodios machistas que sacudiron recentemente á USC.


Marilar aleixandre 4

Marilar Aleixandre ingesando na RAG


Poeta, narradora, bióloga, tradutora, profesora, académica…é moi difícil definir a María Pilar Jiménez Aleixandre, coñecida por todos por Marilar Aleixandre. Aínda que naceu en Madrid, Marilar creceu lonxe da capital. Ceuta e Córdoba vírona crecer, pero agora é unha galega máis, aínda que admite sentir saudade por cada un dos sitios onde viviu. Eminencia na literatura galega e membro da Real Academia Galega sendo unha galega de adopción, un dos poucos casos que se deron na institución xunto co do asturiano Constantino García, como lembra ela, Marilar Aleixandre é un exemplo de compromiso coas letras galegas, coa cultura e coa loita feminista.


De feito, o primeiro que fixo nada máis ingresar na Real Academia Galega foi reivindicar o papel da muller e o feminismo, tanto nas letras como na sociedade. “Non se pode separar o papel das mulleres, xa sexa nas letras, nas ciencias ou en calquera outro ámbito do contexto social no que vivimos”, admite a escritora, sobre o papel que xogan as mulleres na cultura galega.


“Creo que as mulleres sempre fixeron grandes achegas, pero foi o sistema patriarcal o que impediu que puidésemos acceder a moitos campos, porque é un sistema para excluír sistematicamente ás mulleres ou directamente silencialas”, lamenta Marilar, sobre os problemas que tiveron as mulleres para acceder a mundos, como o das letras, que durante anos foron un coto privado para os homes.“As letras non son alleas a isto, aínda que agora está a cambiar a cousa, pero durante moito tempo vimos como as editoriais, as institucións, os críticos literarios, os xurados dos premios literarios…todo estaba copado por homes e non sempre cunha perspectiva progresista”, ilustra a académica, que ten como exemplo e referente a dous alicerces do que foi e é Galicia: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.


“Nas letras en Galicia ninguén pode negar o papel das mulleres como Rosalía de Castro, que é a nai da literatura galega, ou Emilia Pardo Bazán”, expón Marilar Aleixandre, reivindicando que no caso de Rosalía é unha figura “que non se recoñeceu ata hai pouco e hoxe podemos dicir que a súa obra é feminista porque é a primeira que dá voz ás mulleres”. Como exemplo, a académica cita un dos seus poemas no que reza: “Daquelas que cantan as pombas i as frores / todos din que teñen alma de muller / Poiseu que n'as canto, Virxe dá Pomba, / Ai!, de que a teréi?”. “Ela cantaba á inmigración, aos problemas sociais...Iniciou batallas en moitas frontes, algo no que foi pioneira”, recalca a escritora.


“Emilia Pardo Bazán creou o xerme do que é hoxe a Real Academia Galega, aínda que nunca puido entrar na mesma”, lamenta Marilar, que tamén destaca o episodio no que Pardo Bazán presentou a súa candidatura para a Real Academia Española, “pero no seu lugar escolleron a un señor de terceira, porque nese momento as mulleres non podían entrar”. “É a primeira autora que podemos considerar claramente feminista, non só en Galicia senón en España, polas súas obras nas que fala dos malos tratos á muller e por ser unha autora de gran modernidade”, destaca a escritora, subliñando á súa vez que foi Pardo Bazán a que acuñou o termo ‘mujericidio’, cando antes denominábanse ‘crimes de honra’.


Con todo, Marilar Aleixandre non bebe unicamente de Rosalía e Emilia Pardo Bazán, ás que fixo referencia no seu discurso de investidura, os seus referentes son os escritores de relato curto, como Eudora Welty ou Alice Munro.


Dese xerme que plantou Pardo Bazán forman parte a día de hoxe 7 mulleres, tras a incorporación de Ana Romaní á RAG, unha chegada que para Marilar é “moi importante pola súa perspectiva feminista”. A pesar desta chegada, os 7 postos dos 30 posibles reflicten que aínda falta moito para chegar a unha equidade de xénero. “É unha cousa social, a RAG non é distinta ao resto da sociedade, porque durante moitos anos considerouse que con que houbese un par delas xa era suficiente”, explica a académica, quen con todo destaca que “as cifras non son moi distintas ás que teñen a Real Academia Española ou a Academia Francesa da lingua, incluso a RAG ten unha porcentaxe máis alta de mulleres que outras entidades similares, pero non é cuestión de que entren ou non mulleres, é cuestión de ter perspectiva nas cousas que se fan e que os proxectos teñan a sensibilidade que acompaña o tempo no que vivimos”.


A PAISAXE DAS MULLERES DE HOXE

No seu acto de investidura na Real Academia Galega tamén fixo referencia á paisaxe do país, a paisaxe invisible e a paisaxe soñada, coa que conviven moitas mulleres. Con todo, a Marilar Aleixandre valora todos os avances que se deron ata a data, considerando o feminismo como “é a única revolución do S.XX que realmente triunfou, no sentido de que é a única que foi aceptada por unha gran parte da sociedade”. Con todo, como é natural, sabe que aínda queda moito terreo por conquistar.


“Agora hai máis mulleres xuízas que homes, cando antes o seu acceso estaba vetado”, pon de exemplo Marilar, lamentando que eses avances non se vexan “reflectidos na cúspide do poder xudicial”. “Os dereitos son importantes, pero é máis importante que cambie a sociedade e é o que está a pasar, porque cada vez máis xente comprende que non é normal que as mulleres gañen menos ou que sexan elas as que asuman aínda a día de hoxe todo o traballo doméstico”, afirma a escritora, á que, despois dunha traxectoria tan longa e polifacética como a súa, non lle son alleos os casos de machismo.


Eu empecei a traballar na universidade como entomóloga e cando levaba catro anos o catedrático díxome que non me ía a promocionar porque as mulleres non podían dedicarse á investigación”, lembra con amargura a escritora, cuxa reacción nese momento foi “coller a porta e irme”. “Iso foi cambiando lentamente, pero aínda a día de hoxe na USC as catedráticas representamos só o 25% do total, algo que non se corresponde co número de profesoras universitaria”, unhas cifras baixas que Marilar achaca a que aínda estamos nun sistema “onde o poder impide que moitas mulleres progresen, o chamado ‘teito de cristal’"


O MACHISMO NA USC

A pesar dos moitos pasos dados na dirección correcta, aínda a día de hoxe o machismo segue golpeando con forza á sociedade. Non son poucos os casos de condutas machistas que copan as portadas dos xornais e salpican ás institucións. Institucións como a USC, da que Marilar Aleixandre forma parte, e que nos últimos anos viviu episodios moi controvertidos ao redor dalgún dos seus docentes.


“Hai actos que son propiamente machistas e na USC, na miña facultade houbo un profesor abertamente homófobo, que tivo conflitos por declaracións en contra dos homosexuais, e logo está este profesor de económicas que se dedica a facer comentarios sobre como vai unha moza vestida”, explica Marilar, mentres lamenta que o problema principal “é que hai algúns homes que aínda non comprenden que as mulleres non están aí para a súa goce, e cambiar iso costa e durante moito tempo as institucións fixeron vístao gorda con estas persoas”.


Sobre a forma como se debe atacar estas condutas, Marilar sostén que é algo que se ten que cortar de raíz e que as institucións non poden ter manga ancha con estes profesionais. “Na miña facultade este docente si estivo sancionado, pero a súa conduta era coñecida desde facía moito tempo e non son poucas as persoas que o denunciaron”, sostén a escritora, que se queixa de que outros compañeiros negaban coñecer este tipo de comentarios cando “eran dabondo coñecidos”.


Marilar aleixadre 1
Marilar Aleixandre na proclamación de Víctor Freixanes como presidente da RAG


De igual maneira, Marilar Aleixandre admite que descoñece como “a situación dese profesor nestes momentos, porque é certo que a lexislación en ocasións é moi proteccionista coa persoa acusada”, pero que o que quere é marcar unha distancia entre as súas ideas e as medidas que tome a universidade na que traballa. “Eu non me fago solidaria das decisións que poida tomar unha institución á que pertenzo, sexa cal for. O que tratamos de facer as feministas é actuar en distintas frontes: por unha banda conseguir máis dereitos e polo outro todo o que é loitar contra o acoso”, remarca a escritora.


“Nos últimos anos están a visibilizarse cada vez máis casos de acoso, e iso é moi positivoporque creo que isto está a cambiar, e é importante que o alumnado sexa o que reaccione, tanto mozas como mozos”, valora Marilar, que pon como reflexo deste espertar da sociedade o movemento ‘#MeToo’ ou as protestas que se sucederon en varias cidades españolas por mor da sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Navarra a ‘A Manda’.


As JOVENES DE HOXE

“Hai unha nova conciencia entre a xente nova, porque agora son capaces de reinterpretar novelas escritas fai 10 ou 20 anos en clave feminista, algo que nin a crítica dese momento foi capaz de ver”, expón a escritora, algo que lle ocorreu con varios alumnos de instituto que agora ven na súa novela ‘A expedición do Pacífico’, escrita en 1994 e que aínda a día de hoxe é un referente no que literatura xuvenil refírese.


En cambio, as súas novelas non teñen unha finalidade didáctica coa que pretenda ensinar nada. “Coa literatura o que tento é meterme dentro da pel doutras persoas e tentar profundar nos conflitos que poden ter, ese é o traballo dun escritor”, destaca Marilar, que con todo recoñece que moitos dos seus lectores ven reflectidos nos seus textos.


Hai moitas mozas da ESO que agora len os meus libros e fano cun punto de vista moi distinto con respecto a como o lía unha moza da súa idade hai 10 anos”, comenta a escritora, quen considera de forma moi positiva ese “cambio de sensibilidade na sociedade, porque agora esa perspectiva está moito máis presente, e un exemplo é o xornalismo que persegue moito máis as actitudes machistas”.


É MACHISTA A LINGUA?

Nos últimos anos creceu o uso da linguaxe inclusiva. Diversos colectivos avogan por establecer un xénero neutro na lingua, onde o masculino adoita ser a voz utilizada para englobar aos dous xéneros. “A lingua representa a xente que a fala. Hai unha serie de expresións na lingua, por exemplo: ‘Muller publica’ como sinónimo de prostituta; ‘Home público’ sinónimo de ministro. Cando se utiliza o masculino como xenérico o que fai é ser un son reflexo da sociedade patriarcal, porque pensamos con palabras, e iso é distinto que se pensamos con palabras inclusivas”, afirmar Marilar.


Esta pelexa coa linguaxe inclusiva vén de moi atrás, como comenta a escritora. “Na Declaración Universal dos Dereitos Humanos figuraba nun primeiro momento ‘Todos os homes son iguais’ e foi unha activista india a que fixo que se cambiase a redacción da declaración para que puxese ‘Todos os seres humanos son igual’, co obxectivo de non houbese posibilidade de que o texto fose sometido a dobres lecturas que puidesen quitarlle ás mulleres os seus dereitos”, afirma Marilar Aleixandre, que lembra o caso de libros de texto “en libros onde che falan por exemplo dos antigos exipcios pero na seguinte liña xa che fala das mulleres do Antigo Exipto…o xenérico segue usándose só para falar dos homes”.


“Na RAG as persoas que se encargan da lexicografía son sensibles a isto, e un exemplo é que no dicionario online da academia pódese atopar a definición dunha palabra tanto se a buscas na súa voz masculina como feminina, algo que non fai a RAE. Isto non cambia nada, pero é importante porque é un paso cara á igualdade”, expón a académica, quen no seu día tamén tivo que batallar durante ano para que a ‘Asociación de Escritores’ pasase a ser ‘Asociación de Escritores e Escritoras’. “A lingua está viva e é cambiante, por iso ten que adaptarse á realidade da sociedade”, sostén a escritora.


Doutra banda, no que se refire á linguaxe inclusiva utilizada na internet, Marilar Aleixandre manifesta que hai que distinguir entre a linguaxe que se utiliza nas Redes Sociais e o que se usa na literatura ou os textos académicos. “Hai ocasións nos que tes que utilizar o masculino xenérico porque se non o texto queda moi pesado se tes que estar constantemente diferenciando que che refires aos dous xéneros, pero procuro utilizar sempre perífrasis ou termos que engloben aos dous xéneros, como alumnado ou profesorado”, explica, aínda que recoñece que “en redes eu utilizo a @ ou outros métodos, porque é unha forma de chamar a atención aos dous xéneros”.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE