Este Nadal hai que extremar as precaucións na estrada, lémbranos o 061

Entre o 24 de decembro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018, o 061 recibiu 362 chamadas por accidentes de tráfico

|

Entre o 24 de decembro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018, o 061 recibiu 362 chamadas por accidentes de tráfico


A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, pide un ano máis a condutores e peóns que extremen as precaucións nas estradas os próximos días ante a previsión de "un maior número de desprazamentos", coincidindo coa festividade do Nadal.


ARQUIVO. Accidente de tráfico mortal en Valdoviño
No Nadal do ano pasado, entre o 24 de decembro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018, o 061 recibiu 362 chamadas por accidentes de tráfico que supuxeron 288 asistencias. Nelas atendeuse a 387 persoas, das que tres faleceron no punto do accidente.

Urxencias Sanitarias recomenda aumentar as medidas de prevención e lembra a "conveniencia" de utilizar os sistemas de seguridade activa como cintos de seguridade, cascos ou cadeiras infantís. A ausencia destes "fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente".

Ademais, lembra que "a velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente", polo que é importante que os condutores "se manteñan en condicións óptimas ante os problemas de tráfico que poidan coincidir nestas datas" como o tráfico denso ou factores climatolóxicos adversos.

Tamén recomenda non consumir alcol xa que "os seus efectos non só incrementan o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de producirse, dificultan as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir cos fármacos subministrados".

Urxencias Sanitarias tamén lembra aos peóns a importancia de "facerse ver" cando circulen por estradas, xa que as lesións ante vehículos en movemento "adoitan ser moi graves". 


EN CASO DE ACCIDENTE

Urxencias Sanitarias lembra que ante un sinistro de tráfico "é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas". Por iso, é importante avisar canto antes chamando ao 061 para que acudan os servizos de emerxencia e "non intervir se non se sabe como".

A persoa que se atope no lugar do accidente "pode ser de gran utilidade" ata que cheguen os recursos especializados se segue as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 da comunidade.

Para que a asistencia poida chegar ao momento do sinistro, lembra que "é necesario" informar da situación exacta do lugar e o estado dos feridos "para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios dependendo da gravidade do suceso".

A APP DO 061 PARA MÓBILES E TABLETAS
Urxencias Sanitarias subliña a importancia de ter descargada a súa aplicación dispoñible para móbiles e tabletas, xa que as chamadas que se realicen a través dela "enviarán os datos de filiación e a posición exacta xeolocalizada do accidentado".

Esta función resulta "fundamental" en accidentes de tráfico onde o lugar resulte descoñecido para a persoa que alerta ou "onde as direccións sexan complicadas de indicar". A App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 permitirá tamén recuperar os datos do paciente e o seu historial clínico.

O organismo de emerxencias lembra unha serie de recomendacións, como aparcar o coche nun sitio seguro antes de auxiliar nun sinistro de tráfico. Tamén será necesario "poñer roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura". Ademais, hai que sinalar o accidente 200 metros antes e despois do lugar onde ocorreu.

Tamén é necesario apagar as luces, quitar as chaves do vehículo accidentado "e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros".

Hai que lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia é un servizo que funciona as 24 horas do día durante os 365 días do ano e que "moitas vidas pódense salvar se son tratadas dun modo adecuado".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE