Cidadáns Galicia desvincúlase dunha posible candidatura de Pachi Vázquez en Ourense
Non é o primeiro notable da vida pública galega ao que a rumorología sitúa como candidato laranxa para as locais. Gloria Lago (Galicia Bilingüe, Vigo) ou Paco Vázquez (PSdeG, A Coruña) foron outros.
En declaracións a Galiciapress, fontes oficiais de Cidadáns Galicia desvincúlanse da saída de Pachi Vázquez do PSdeG. "Desde Cidadáns non temos nada que ver coas decisións persoais que cada un tome", sinalan.
Manuel Pachi Vázquez
O ex-líder do PSdeG acaba de anunciar a súa baixa do partido. Deseguido, saltaron os rumores que apuntan á súa posible candidatura á alcaldía de Ourense, sen máis base que as últimas entradas do carballiñés nas redes sociais, nas que atacou a socialistas, conservadores e Podemos; salvando a Cidadáns.
Teñen algún fundamento tales ruxe-ruxes? Desde Cidadáns Galicia limítanse a lembrar que "os candidatos de Cidadáns serán públicos en xaneiro", sen descartar nin confirmar a hipotética candidatura.
GLORIA LAGO, PACO VÁZQUEZ ...
Non é o primeiro notable da vida pública galega a o que as faladurías sitúan como candidato laranxa para as locais. Gloria Lago (Galicia Bilingüe, Vigo) ou Paco Vázquez (PSdeG, A Coruña) foron outros; pero só no caso do ex-alcalde da Coruña Cidadáns confirmou un aproximamento, organizando un acto común mesmo con Albert Rivera, pero evitando confirmar unha hipotética candidatura. E é que, en principio, os candidatos de Cidadáns elíxense mediante primarias.
É realmente Pachi Vázquez unha boa opción para Cidadáns en Ourense? O ex-conselleiro é unha figura coñecida, pero máis no Carballiño que na capital. Ademais, a súa popularidade está minguada polas sucesivas derrotas do pachismo en comicios internos socialistas estatais, galegos e provinciais.
Iso si, a cidade das Burgas é un campo propicio para un hipotético exercicio de paracaidismo, pois a corporación está atomizada. PP, Democracia Ourensá, PSOE e Ourense en Común teñen representación e é posible que o BNG a recupere. O goberno de Jesús Vázquez (PPdeG) sofre o desgaste de gobernar en minoría e ser incapaz de aprobar un orzamento en toda a lexislatura.
As boas perspectivas de Cidadáns tras o seu avance en Andalucía e as enquisas do CIS (que en Galicia sitúano como terceira forza), fan dos laranxas unha pista de aterraxe atractiva. Basta mirar a Barcelona e a Manuel Valls.
O PSDEG MIRA PARA OUTRO LADO
Consultadas por Galiciapress, fontes oficiais do PSdeG non se pronunciaron sobre a saída do que fora o seu secretario xeral tras a desfeita do bipartito. Hai anos que Vázquez, aliado galego do susanismo, mantén enfrontamentos coa actual cúpula galega, aliñada con Pedro Sánchez.
Escribe o teu comentario