O "pelotazo urbanístico" que podería acabar co Centro Galego pódese consumar este mes
Os socios do Centro Galego de Buenos Aires están convocados a aprobar a venda da súa sede o próximo 29 de decembro. De saír adiante, Galicia pode estar un paso máis preto de perder unha parte importante da súa historia e do seu patrimonio cultural.
Os socios do Centro Galego de Buenos Aires están convocados a aprobar a venda da súa sede o próximo 29 de decembro. De saír adiante, Galicia pode estar un paso máis preto de perder unha parte importante da súa historia e do seu patrimonio cultural.
Sede do Centro Galego en Buenos Aires
O Boletín Oficial da República Arxentina publicou a semana pasada a orde do día da Asemblea. Esta convocada polo interventor xudicial Miguel Moyano, pois desde 2012 a gran crise da histórica entidade provocou que estea intervida pola administración arxentina.
TRES MESES SEN DIRECTIVA
A orde do día tamén inclúe a aprobación das contas de varios anos e a proclamación da nova xunta directiva.
A candidatura de Ramón Suárez O Muxo gañou as eleccións en setembro, pero aínda non foi proclamado. A súa directiva defende que a venda do céntrico inmoble de Belgrano é a única saída para evitar a quebra e disolución do centro. Iso si, busca un acordo polo que o eventual comprador permita manter e modernizar o languideciente hospital que aínda atende a uns 4.000 socios, pagar as enormes débedas cos traballadores e a Seguridade Social e manter a actividade cultural.
A XUNTA MIRA PARA OUTRO LADO
Aquí é onde se enreda a política, pois as repetidas chamadas da directiva electa para abrir un diálogo coa Xunta para, entre outras cousas, garantir a salvación do patrimonio cultural -o Centro atesoura a que probablemente sexa a maior pinacoteca privada de autores galegos do século XX- foron ignoradas. En San Caetano pode haber interese por salvar o patrimonio cultural, pero non en rescatar o hospital.
Nin o secretario xeral de Emigración nin o presidente da Deputación de Ourense, nas súas recentes visitas a Arxentina, se dignaron a reunirse coa nova directiva, da agrupación A Terra, moi crítica coa Xunta. Si o fixo, pola contra, a delegación do BNG (conformada por Ana Pontón e Ana Miranda) a pasada semana, quen denunciou a "falta de implicación da Xunta". Os nacionalistas levarán esta complicadísima situación ao Parlamento de Galicia nas próximas datas. Pedro Sánchez, presidente do Goberno, tampouco atendeu a este asunto na súa recente visita ao fío do G20, a pesar de que hai pouco o PSdeG pediu á Xunta que tome medidas.
UN HOSPITAL EN SITUACIÓN AGÓNICA
A falta de diálogo prexudica as opcións de salvar ao Centro Galego, que deu refuxio por centos de miles de emigrantes e que aínda hoxe mantén unha labor asistencial. A prestación sanitaria sobrevive moi mermada pola falta de modernización do hospital, a falta de pagamentos ao persoal e a aposta das autoridades españolas por Ospaña. Ospaña é unha fundación que ofrece atención sanitaria aos emigrantes. A nova directiva cre que a Xunta e o Estado son cómplices da crise do Centro ao potenciar Ospaña, contribuíndo á caída de socios do Centro. Recentemente, a directiva electa denunciou Ospaña cambiou os seus estatutos para expulsar da a súa directiva aos representantes do Centro.
É a asemblea do 29 de decembro, e non a directiva, quen ten que aprobar a venda do hospital e o seu centro. Está por ver se sae adiante, pois xa nunha anterior ocasión os socios -moi divididos- dixeron que non a unha oferta de Ribera Salud, un empresa controlada por capital de EE.UU. que tamén opera en España.
Unha parte dos traballadores, organizada ao redor de o Sindicato de Saúde Privada da CTA Autónoma, teme que un "pelotazo urbanístico"acabe co labor asistencial do centro nun inmoble céntrico pero antigo, que necesitaría dun enorme investimento para convertelo nun hospital funcional. Outro sindicato, aliñado co labor do interventor xudicial, DAER, anunciou hai pouco a venda do inmoble. Está por ver en que termos e se a operación permite salvar o que queda da entidade, que chegou a ter máis de 100.000 socios, ou é un paso máis cara á súa morte definitiva.
Escribe o teu comentario