Nova conexión con voos entre Vigo e Sevilla
A compañía Air Nostrum (franquía de Iberia para voos rexionais) duplicará a súa oferta desde o aeroporto de Peinador na campaña do próximo verán, e incorporará a ruta Vigo-Sevilla.
Aeroporto de Peinador
Así, no verán de 2019 ofrecerá 662 voos e 66.200 prazas para viaxar a Sevilla, Bilbao, Gran Canaria, Eivissa, Menorca, Mallorca, Valencia e París.
SEVILLA DESDE MAIO
A nova ruta coa capital andaluza comezará a operar o 1 de maio e dispoñerá de dúas frecuencias semanais, mércores e domingo; con respecto á ruta de París, Air Nostrum amplía a súa oferta e operará voos os mércores, venres e domingos desde finais de marzo ata finais de outubro.
As conexións con Gran Canaria, Eivissa, Menorca e Mallorca concentraranse entre o 19 de xullo e o 1 de setembro. Con todo, no caso de Gran Canaria, haberá tamén voos entre o 22 de decembro de 2018 e o 6 de xaneiro de 2019.
VOOS VIGO-VALENCIA E VIGO-BILBAO
Finalmente, mantense a ligazón Vigo-Bilbao todo o ano (catro frecuencias semanais) excepto en período vacacional, e tamén se manterá todo o ano o voo a Valencia que, durante período vacacional, aumentará as súas frecuencias.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, constatou que esta aposta de Air Nostrum por Peinador pon en evidencia o "éxito" da política de axudas e promoción do Concello de Vigo e, por conseguinte, o "fracaso de Feijóo".
Escribe o teu comentario