Cal é a mellor orquestra de Galicia?

|

O festival de orquestras Closing Tour 2018 entregará os primeiros premios de Orquestras de Galicia, que galardoará a cinco combos e a cinco músicos.



Orquestapanoramagalicia


A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu esta mañá a presentación do festival Closing Tour 2018, o cal reunirá o mércores 5 de decembro neste recinto ás recoñecidas orquestras París de Noia, Olympus e New York.


Durante o acto Jorge Silva, da empresa Piñeiro Pub, organizadora do evento, detallou distintos aspectos do mesmo, como o horario e o prezo e datas de venda das entradas. Así mesmo, fixo fincapé en que estarán xuntas as formacións París de Noia e Olympus, o cal “non é habitual”, ademais de destacar que nesta edición quixeron “engadir algo especial”, polo que o festival acollerá a 1ª Entrega de Premios Orquestas de Galicia, a cal pretende ter continuidade neste evento.

A presentación tamén contou con membros das tres agrupacións participantes. José Antonio Blas, quen acudiu en representación de París de Noia, subliñou que esta formación ten participado en todas as edicións do Closing Tour e polo tanto é a que “máis anos leva”, ademais de reiterar as boas condicións das instalacións do recinto, que o “consolidan ano a ano” como lugar idóneo para este evento. Indicou ademais que nesta cita mostrarán o espectáculo que ofreceron esta tempada pero xa con algunhas das novidades que incluirán na videira, con “caras novas”, como o director musical e dous cantantes, que serán Santi Pulido e Lucía Sánchez.


Pola súa banda, Olympus estivo representada por Jorge Luis Ferre, encargado da parte artística da orquestra, quen quixo incidir en que no Closing Tour presentarán “unha dianteira totalmente renovada”, composta por profesionais cun amplo percorrido que veñen de orquestras importantes e moi coñecidas. Así mesmo, indicou que espera que acuda moita xente, para a cal van “facer festa”.


Juan Manuel Rodríguez, foi o encargado de representar a New York, indicando que no Closing Tour, “un evento novo” para eles, aproveitarán ao igual que as outras formacións para presentar novas caras, tamén na dianteira.


Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, tamén estivo presente no acto, no cal quixo subliñar a multifuncionalidade do recinto e a diversidade de sectores nos que traballa a Fundación. Puxo como exemplo que a entidade feiral ven de rematar a feira de transporte de viaxeiros por estrada ExpoBus Iberia, na que foi unha das primeiras mellores edicións que se teñen celebrado no recinto, e pasa agora a presentar a sétima edición do Closing Tour, coa que volverá ao mundo musical o 5 de decembro, pero tendo en medio no mes de novembro as oposicións do Sergas e o campionato Galicia Skills, organizado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Engadiu o seu desexo de que estes eventos musicais sigan o seu camiño de éxito e continuar colaborando o vindeiro ano.


Closing Tour 2018

Esta sétima edición do evento abrirá as súas portas ás 21.30h e dará comezo en torno ás 22.00h, para rematar sobre ás 07.00h. Serán nove horas de música nas que cada unha das orquestras realizará un primeiro pase de 1 hora e 45 minutos de duración para logo facer un segundo de 1 hora e 15 minutos. Actuará en primeiro lugar New York, seguida de Olympus e logo París de Noia, unha orde que se repetirá no segundo pase.


As entradas para asistir ao evento pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 7€. En prevenda estarán dispoñibles a partir do vindeiro luns, 19 de novembro, cun prezo de 5€ que inclúe consumición mínima, é dicir auga, refresco ou cervexa. Estas entradas anticipadas poderanse adquirir na web de Abanca e en distintos puntos de venta físicos que se están a determinar. Novamente os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto) e o aparcadoiro tamén será de acceso libre.


Entrega de premios para orquestras e compoñentes

Nesta ocasión, e como novidade, o Closing Tour acollerá uns galardóns con gran interese para os fans das orquestras. Será a 1ª Entrega de Premios de Orquestas de Galicia, na cal se recoñecerá ás cinco agrupacións e aos cinco compoñentes máis populares segundo os rankings de formacións e compoñentes do portal web Orquestas de Galicia, a cal os creou hai seis anos e transmitiu á organización que non se lles ocorre mellor ocasión para esta entrega de galardóns que “o festival por excelencia para pechar a tempada”.


Para determinar os premios, Orquestas de Galicia baseouse nos rankings xerais de todo o ano 2018, nos cales se ten en conta tanto as visitas que reciben na app ou web como os usuarios que marcaron a formación como favorita ou o compoñente como fan, así como o número de actuacións no caso das formacións musicais. Así, sen votacións, o ranking baséase en como interactúan os usuarios coa app ou web.


Os premios serán entregados nun descanso que se realizará no primeiro cambio de orquestras, é dicir, entre o primeiro pase de New York e o de Olympus.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial
Powered by Bigpress