​"A cidadanía vincula aos alcaldes socialistas co progreso pero necesitamos equipos que volvan ilusionar"

Galiciapress entrevista ao presidente da Deputación da Coruña cando o PSdeG está a piques de lanzar as primarias para decidir os seus candidatos a alcaldes. Valentín González Formoso móstrase seguro que “Paco Vázquez estará ao carón dos seus compañeiros cando o PSdeG o convoque”. Sobre Alcoa, culpa ás mareas dealenar “un engano” ao reclamaren a nacionalización. O pacto co Bloque, a labor de Gonzalo Caballero e os seus propios plans para As Pontes son outros dos temas desta conversa.


|

Galiciapress entrevista ao presidente da Deputación da Coruña cando o PSdeG está a piques de lanzar as primarias para decidir os seus candidatos a alcaldes. Valentín González Formoso móstrase seguro que “Paco Vázquez estará ao carón dos seus compañeiros cando o PSdeG o convoque”. Sobre Alcoa, culpa ás mareas dealenar “un engano” ao reclamaren a nacionalización. O pacto co Bloque, a labor de Gonzalo Caballero e os seus propios plans para As Pontes son outros dos temas desta conversa.




Valentin gonzalez formoso entrevista

Valentín González Formoso


Hai un par de días nesta cidade Paco Vázquez participaba nun acto de C’s. Como senta no PSdeG ver a quen fora líder do partido na Coruña e alcalde nun acto de Ciudadanos e dicindo que comparte os ideais de Albert Rivera?

Paco Vázquez é un alcalde referencia do socialismo histórico, pero ao final é unha persoa que non está nas estruturas do partido. É unha persoa que digamos ten a súa propia forma de ser e ten todo o dereito do mundo a digamos a actuar como considere. Estou convencido de que Paco Vázquez cando o PSdeG o convoque para calquera actuación ou calquera proxecto onde poda aportar a experiencia estará seguro ao carón dos que seguen sendo os seus compañeiras.


Outro tema de actualidade é a cuestión das hipotecas. En que lugar queda o Poder Xudicial tras a rectificación destes días?

Hai que respectar as actuacións dos órganos xudiciais, pero loxicamente están sometidos a crítica. Creo que a imaxe do poder xudicial neste caso non se ve moi beneficiada. E se queda tocada a súa imaxe, é un fraco favor que se lle fai ao Estado. Agora tócalle ao poder lexislativo reinterpretar a norma no sentido máis xusto.


Sobre política provincial, como valora o pacto de co BNG? Noutros lugares e tempos os pactos co Bloque deron problemas, sen embargo na Deputación da Coruña parece que foi un remanso de paz …

A harmonía ou a batalla dána as persoas. Ao final a política execútana persoas, non siglas. Coincidimos un equipo que tiña claro o obxectivo deste proxecto, modernizar, simplificar a Deputación e facela máis útil para o cidadán; dentro dun proxecto progresista de provincia que compartimos BNG e PSdeG, deixando dun lado outros matices ideolóxicos que houberan complicado o proxecto.


Neses matices ideolóxico está o da propia existencia das deputacións. O BNG é partidario da súa eliminación, o PSdeG non …

Se se lle pregunta ao BNG, Compostela Aberta, Marea Atlántica se as funcións que prestan as deputacións son esenciais e deben sobrevivir, todos dirán que si. O que non son suprimibles son as funcións, son perfectamente suprimibles as institucións. Eu entendo que a Deputación é suprimible como tal, sempre que se salvagarde as súas funcións nalgún organismo que entendo sería a Xunta de Galicia.


A hora de presentarse diante dos electores, que balance pode presentar este goberno provincial?

Collemos a Deputación nunha etapa na que a crise económica era feroz, onde o desemprego alcanzaba unha porcentaxe moi alta. Por iso inxectamos unha cantidade importante, oito veces máis, do que se viña adicando a políticas activas de emprego. Non só por cumprir o expediente, senón facendo unha reflexión previa profunda, escoitando aos profesionais, sectores e outras administracións. Chegamos a conclusión de que había que crear un programa con varias liñas. Unha vinculada aos concellos para que puidesen suplir dalgunha maneira as carencias que tiñan de persoal que tiñan ao longo do ano debido as limitacións que impuxo Cristóbal Montoro. Outra, axudar as PEMEs a incorporar persoal neste período de crecemento económico. Por último, e máis importante para nós, a idea de que ningún proxecto dun emprendedor quede no baúl por falta de apoio financeiro ou dun lugar onde de desenvolver esa idea. Esta labor permitiunos a creación de até 3.000 postos de traballo, que creo é un éxito en canto na cifra pero tamén polo feito de que se implantaron na provincia moitísimos proxectos empresariais e hai en lista de espera moitos máis, o que conlevará que moitos deles morrerán pero moitos sobrevivirán. Ao final veremos que moitas destas empresas que se crearon ao amparo da Deputación da Coruña sobreviven e crean valor e traballo na provincia.


Falando de emprego, a actualidade na capital pasa por Alcoa. Os traballadores demandan que se impida a parada técnico, porque logo sería imposible reactivar a factoría. Dende a política, hai voces que chaman a aproveitar isto para intervir na empresa, incluso nacionalizándoa. Como ve a posibilidade de que o Estado interveña Alcoa?

Estamos integrados nun proxecto europeo que ten unhas regras de xogo, nos gusten ou nós. Non se pode utilizar o Estado como comodín. Estou a favor de que en sectores estratéxicos o papel do Estado sexa claro e protagonista, que sexa accionista de entidades en sectores estratéxicos, pero previamente hai que definir as regras. Non pode ser que mañá peche a fábrica de galletas Cuétara e que saia a marea de Aguilar de Campó dicindo que hai que nacionalizala …


Precísase un orde …

Pediríalle aos responsábeis políticos que fosen conscientes de que ese comodín é inviable e polo tanto ao final é un engano á cidadanía.


Daquela cal sería a solución para manter Alcoa en A Coruña?

Eu creo que a solución pasa pola labor que está facendo a ministra. O mércores dixo que era optimista de que había varios proxectos interesados en facerse coas dúas prantas, tanto a de Avilés como a da Coruña. Creo que ese é o camiño. Outra cousa é detectar sectores estratéxicos -por exemplo o enerxéticos- que permitan ao Estado intervir na economía para evitar problemas como os que estamos a ver nese sector.


A Deputación da Coruña foi protagonista estes anos en reclamar que o Pazo de Meirás volva ao patrimonio público. Hai voces que reclaman ao Estado que dea o paso xa e leve o caso ante a Xusticia ...

Eu creo que si, chegou o intre de dar o paso. Hai informes xurídicos e históricos dabondo para que o Estado tome cartas no asunto. Foi invitado o Goberno anterior para que así o fixera e despachounos cunha carta de dous parágrafos da Abogacía do Estado na que nos di que non hai lugar, pero sen unha análise serio do asunto, como merece. Hai un clamor social para que o pazo volva ao patrimonio público. Calquera outra actuación sería respondida socialmente. Polo tanto, espero que o Estado -agora está na Abogacía que si está estudando os informes- tire as conclusións das que estamos a falar, que dea un paso adiante para que recuperemos ese espazo.


O PSdeG da Coruña afronta agora unhas primarias naquelas cidades, caso da Coruña e Ferrol, nas que non se chegou, como en Santiago, a unha lista de consenso. Vostede dixo que estaba aberto a mediar en reunións para intentar unir aos candidatos en listas comúns. Houbo algún contacto nese sentido?

Non, eu o que dixen que estaba disposto a acudir a unha convocatoria que se fixera nese sentido porque son un claro defensor da integración entre compañeiros, que coincidimos nun noventa e pico por cento do proxecto. Agora ben, ese paso, lexitimamente, non foi dado polos aspirantes.


Que cre que poden ofrecer os candidatos socialistas ás alcaldías da Coruña, Santiago e Ferrol que non deran estes anos de gobernos urbanos das mareas?

O do socialista é un proxecto que a cidadanía ten moi identificado. O PSdeG leva executando o proxecto das cidades de Galicia, e sobre todo as da Coruña, durante a maior parte da democracia. Foron alcaldes socialistas os que as modernizaron e deron pulo aos seus cascos históricos, as que impulsaron as súas infraestruturas. Polo tanto, a cidadanía ten vinculado ao PSOE co progreso das súas localidades. O que si temos que ser capaces de facer unha selección de equipos que volva ilusionar nas cidades principais da provincia e espero que as primarias -por ser o máis difícil- que logre ese obxectivo.


E non teme que as primarias, polo contrario, desgasten as expectativas do partido ao enfrontar proxectos diferentes?

É unha posibilidade que temos que evitar. Até o de agora pasou bastante tempo e os aspirantes estano a facer dunha maneira limpa, transparente e sensata. Polo tanto, son bastante optimista; pero é certo é que as primarias até o de agora moitas delas as tensións pálpanse e saen ao exterior. Hai que ter a capacidade dabondo para saber que son instrumentos a favor á cidadanía e que ninguén é imprescindible. Se iso o temos claro, como parece ser que o teñen os compañeiros e compañeiras que se presentan nas cidades, o resultado pode ser bastante valioso para as próximas municipais.


Ese posible desgaste interno a nivel galego evitouse co adianto das primarias autonómicas, na que o secretario Gonzalo Caballero foi o único candidato. Caballero adiantou dous anos as primarias, o que é inédito e sorprendente. Que lle pareceu este movemento do seu líder para asegurarse a candidatura á presidencia da Xunta?

Eu creo que a tiña totalmente asegurada. Ninguén discute o seu liderado e que o secretario xeral é o candidato á presidencia, ven de seu. É certo que cunha anticipación non habitual, pero creo que ao final vai ter efectos positivos no sentido de que a cidadanía vai poder identificar claramente que persoa lidera o proxecto para as eleccións autonómicas e non imos estar entretidos nestes procesos que ao final, pois supoñen un risco en canto a tensións.


E que valoración fai daquela do traballo de Gonzalo Caballero até o momento como líder autonómico?

É un traballo de achegamento aos compañeiros e tamén de empaparse dos problemas que sofre a sociedade galega. Creo que está ao carón deses problemas, que é a clave para que a cidadanía ao final o coloque na presidencia da Xunta.


E Valentín González, supoño que se volverá a presentar á Alcaldía das Pontes …

Hai que decidir aínda iso. Ten o seu proceso.


Xa, pero supoño que a súa intención é volver a presentarse.

Hai que decidilo., entre todos. Hai factores a ter en conta, a responsabilidade, a familia, a opinión dos compañeiros das Pontes … Son cuestións que temos que decidir aínda e hai tempo.


E no caso de que se presente a alcalde, está aberto a ser o representante do PSdeG na Deputación?

Se o primeiro o temos que decidir, o segundo tamén. Hai todavía moitas barreiras que pasar: a candidatura das Pontes, ter opcións de goberno nas Pontes, que os compañeiros e compañeiras que decidiron apoiarme para presidente da Deputación o volvan a facer. Hai moitas barreiras, é un pouco cedo para iso.



Valentin entrevista 2

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE