O encontro de Baltar co presidente da Comisión Europea non foi oficial, senón un "selfie"

O presidente da Deputación de Ourense presumiu dunha reunión co presidente da Comisón Europea, o poderoso Jean-Claude Junker. En realidade tratouse dunha simple foto ao comezo dun evento, segundo denuncian os socialistas, que piden contas sobre as varias investigacións que abriu a UE sobre o uso de fondos por parte da institución provincial. 


|

O presidente da Deputación de Ourense presumiu dunha reunión co presidente da Comisón Europea, o poderoso Jean-Claude Junker. En realidade tratouse dunha simple foto ao comezo dun evento, segundo denuncian os socialistas, que piden contas sobre as varias investigacións que abriu a UE sobre o uso de fondos por parte da institución provincial. 



Juncker 2

Foto difundida pola Deputación de Ourense


O deputado socialista no Parlamento Europeo, José Blanco, preguntou á Comisión Europea pola suposta reunión "a soas" do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, co presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker que "non figura en ningunha axenda oficial", para "aclarar os termos do suposto atopo" e demandou información sobre investigacións da Comisión á Deputación ourensá.


"QUE BALTAR POÑA OS PÉS NA TERRA"

"Demandamos a Baltar que poña os pés na terra, que aterre dunha vez, pero que o faga na terra do rural de Ourense", aseverou tamén o portavoz provincial Francisco Fraga. Así o trasladou o PSdeG este mércores nun comunicado remitido aos medios.


Esta nota recolle que José Blanco coñeceu o suposto atopo oficial mediante a "información aparecida na portada do diario 'A Rexión'", na que explica que os presidentes "analizaron vías para impulsar unha maior competitividade nas provincias de Europa, entre as que se atopa o financiamento directo para os territorios provinciais".


Ante esta información, Branco reclamou "aclarar os termos do suposto atopo, tendo en conta que na axenda pública do presidente Juncker, accesible desde a web da Comisión Europea, non consta ningunha reunión bilateral co presidente da Deputación de Ourense".


O eurodeputado galego tamén reclamou información "ao fío da petición realizada por Manuel Baltar", tras as investigacións realizadas polos casos Deputrans, Estacións ou Daredo, ou despois da exclusión da Deputación dos fondos Edusi, "se na actualidade existe algunha investigación aberta en canto ao uso de fondos europeos por parte da Deputación de Ourense".


O portavoz provincial dos socialistas, Francisco Fraga, agradeceu o traballo realizado por Branco e criticou novamente a xa denunciada con anterioridade "política de propaganda persoal e 'selfies' de Baltar, que emprega máis tempo facendo fotos no estranxeiro para o seu álbum fetiche persoal, á conta do diñeiro público de todos, que mantendo encontros de traballo efectivo con alcaldes e representantes dos municipios aos que debe prestar atención prioritaria".


CONTEXTO DA REUNIÓN

En concreto, o presidente da Asociación europea de gobernos provinciais 'Partenalia' e presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse o pasado luns 8 de outubro co presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, co obxectivo de "analizar as vías para impulsar unha maior competitividade nas provincias de Europa, entre as que se atopan o desenvolvemento de políticas contra o despoboamento rural e o financiamento directo para os territorios provinciais".


Diso informou, a través de un comunicado, a Deputación provincial no que sinalou que o encontro do presidente provincial con Juncker produciuse durante a xornada inaugural da Semana Europea das Rexións e as Cidades, que comezou ese luns 8 de outubro en Bruxelas.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE