A Deputación denunciará ao alcalde que insultou á presidenta mentres o PP mira para outro lado

A Deputación de Pontevedra prepara unha denuncia por "incitación" ao odio contra o alcalde de Vilanova que chamou "chacha para todo" a Carmela Silva. No PP o único que condena a descualificación é Pedro Puy.


|

A Deputación de Pontevedra prepara unha denuncia por "incitación" ao odio contra o alcalde de Vilanova que chamou "chacha para todo" a Carmela Silva. No PP o único que condena a descualificación é Pedro Puy.



Gonzalo duran vilanova

Alcalde de Vilanova


Os servizos xurídicos da Deputación de Pontevedra presentarán nos tribunais de Xustiza unha denuncia "fronte aos ataques machistas, ás inxurias e ás calumnias", pero tamén "fronte á posible incitación ao odio" que, a xuízo do goberno provincial, supoñen as declaracións do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán nas que dixo que a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, era a "chacha para todo" do "ancián" alcalde de Vigo, Abel Caballero.


INTERVÉN O PORTAVOZ

Este luns compareceu en rolda de prensa o portavoz do goberno da Deputación de Pontevedra (PSOE+BNG) Carlos López Font que anunciou que os servizos xurídicos da Deputación de Pontevedra traballan xa na redacción dunha denuncia contra este alcalde do Partido Popular.


Ademais de condenar as manifestacións do rexedor vilanovés e solicitar a súa dimisión, López Font instou aos cargos da Xunta de Galicia e do Partido Popular a pronunciarse e condenar este tipo de actitudes "de tal gravidade que non se trata dunha defensa da persoa", neste caso da presidenta da Deputación, senón de "saír con valentía" ante un "ataque á dignidade de todas as mulleres". Por agora só falou o portavoz parlamentario do PP. Puy (PPdeG) censura os "exabruptos" do alcalde de Vilanova pero evita pedir o seu cesamento, que si reclama o resto do arco parlamentario.


CARMELA SILVA NON FALARÁ

O portavoz do goberno provincial tamén anunciou que a presidenta da Deputación "non se vai a volver referir a este señor".


López Font asegurou que, como goberno da Deputación, "no que temos a bandeira da igualdade desde o minuto uno", teñen o "deber político" de poñerse de fronte a todos aqueles que utilicen "comportamentos e unha linguaxe machista contra as mulleres", cualificando de "linguaxe bélica" o que utilizou o Gonzalo Durán.


"Non imos consentir estes ataques machistas, clasistas e fascistas; e moito menos en voz daqueles que ostentan cargos públicos e que estes ataques poidan quedar impunes", destacou o portavoz do goberno provincial.


SILENCIO DA XUNTA

Este deputado lembrou que no caso concreto do alcalde de Vilanova de Arousa "reitérase neste tipo de comportamentos" con "insultos á presidenta da Deputación de Pontevedra única e exclusivamente polo feito de ser muller".


Neste sentido, lembrou que esas declaracións realizáronse o venres "e reafirmáronse o domingo" polo que López Font dixo que "non podemos entender" como o presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, e o vicepresidente, Alfonso Rueda, "aínda non saíron a condenar este comportamento do seu alcalde en Vilanova".


Igualmente referiuse ao "silencio" de Susana López Abella, secretaria de Igualdade da Xunta de Galicia, engadindo que "se non sae de forma inmediata a expresar o seu total e contundente rexeitamento a estas manifestacións machistas do señor Durán, quedará inhabilitada para exercer a función que lle corresponde que é a de representar ás mulleres na administración autonómica".


Carlos López Font entende que se empeza insultando á muller, sendo peyorativo con ela e continúase coa violencia de xénero e matándoa. A secuela da violencia machista, segundo o deputado provincial, ten orixe neste tipo de descualificacións. "O que non se manifesta en contra é cómplice", apuntou.


Ademais, indicou que non é a primeira vez que se realizan declaracións como esta contra a presidenta da Deputación Provincial por ser muller e lembrou a dimisión de Jorge Caldas, concelleira do PP de Moraña, que cualificara a Carmela Silva de "mala raposa" e "lercha".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE