Revolución na Xunta de Galicia a nivel de directores xerais
Feijóo modifica unha ducia de cargos medios e reordena algunhas consellerías ao fío da substitución de conselleiros da semana pasada. Hai modificacións en case todos os departamentos.
Feijóo modifica unha ducia de cargos medios e reordena algunhas consellerías ao fío da substitución de conselleiros da semana pasada. Hai modificacións en case todos os departamentos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu un paso máis tras a remodelación do seu gabinete e reordenou as competencias do segundo nivel do Executivo autonómico, no que entran a concelleira do PP de Santiago Teresa Gutiérrez, como directora de Augas de Galicia, e o deputado popular e exalcalde de Cerdedo --antes da fusión con Cotobade--, Silvestre Balseiros, como director xeral de Gandaría.
CESE EN AUGAS DE GALICIA
Tras o Consello da Xunta, Feijóo anunciou o nomeamento de Teresa Gutiérrez e agradeceu os servizos prestados a Roberto Rodríguez, que ocupaba o cargo de Augas desde novembro de 2015 e que cesa --subliñou-- para "dedicarse a outras actividades".
Gutiérrez é enxeñeira de Camiños e a súa traxectoria profesional está vinculada á xestión da auga na Administración autonómica desde o ano 2003, no que ingresou na Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos. Entre 2013 e 2014, ocupou a Dirección Xeral do Instittuo Galego da Vivenda e Solo, e actualmente é concelleira en Santiago.
OUBIÑA, NOVA DEPUTADA
Tamén foi nomeado director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias a Silvestre Balseiros, que deixará o Parlamento de Galicia. A saída de Balseiros na Cámara provocará que corra a lista do PP por Pontevedra e entre no Pazo do Hórreo Rosa Oubiña.
Balseiros, que foi alcalde de Cerdedo antes da fusión con Cotobade e posteriormente desempeñou a vicepresidencia do concello Cerdedo-Cotobade, actualmente era vogal da comisión especial do ámbito forestal e de inendios e portavoz desta mesma área dentro do grupo parlamentario popular.
ILDEFONSO DE LA CAMPA E MÁIS NOMEAMENTOS
Pola súa banda, Belén do Campo, que ocupaba a Dirección Xeral de Gandaría, substitúe a Ana María Díaz López como directora xeral de Patrimonio Natural. Do Campo foi deputada e senadora, e tamén delegada territorial da Xunta na Coruña entre 2011 e 2015.
Feijóo agradeceu o traballo feito por Ana María Díaz, quen ocupaba este posto desde o ano 2015 e que asumirá, subliñou, "outras responsabilidades" no mesmo departamento.
Na listaxe de novos cargos, foi designado novo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade Ildefonso de la Campa, quen actualemnte era asesor na Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.
Idelfonso de la Campa
Vigués, ata hai uns meses ocupaba o cargo de director xeral de Migracións na Secretaría Xeral de Inmigración e Emigración, dependente do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
INTERCAMBIO NAS SECRETARÍAS DE MEDIO AMBIENTE E MEDIO RURAL
Por outra banda, Carmen Bouso, licenciada en Dereito, deixa a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, cargo ao que accedera en 2015, e pasa a ocupar o mesmo posto pero na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, na que substitúe a María Jesús Lorenzana Somoza.
Esta, á súa vez, foi designada secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural. Tamén licenciada en Dereito é, desde o ano 2007, letrada da Xunta.
MANUEL VILA, SECRETARIO XERAL DE CULTURA
Así mesmo, o Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se nomea secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo.
Licenciado en Dereito, ata o momento era subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do profesorado.
Con estes cambios, Feijóo asegurou que as cuestións "básicas" do Executivo quedan solucionadas, aínda que non descartou algún axuste máis. Non aclarou se o novo conselleiro de Medio Rural, José González, deixará a Cámara, unha decisión que se pechará antes de que finalice o mes de outubro.
ESTRUTURA ORGÁNICA
A nova estrutura orgánica sustenta a última remodelación de Feijóo, coa que se crea a Consellería de Cultura e Turismo e reordénanse as competencias dos departamentos de Educación, Universidades e Formación Profesional; Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; e Infraestruturas e Mobilidade.
Na nova Consellería de Cultura intégranse a Axencia de Turismo de Galicia, que dirixe Román Rodríguez, os órganos con competencia en materia de patrimonio e os relacionados coa defensa e promoción da lingua galega.
Tamén se integran a Dirección Xeral de Políticas Culturais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
En Infraestruturas e Mobilidade (que dirixe Ethel Vázquez) unifícanse as competencias relativas a obras públicas coa incorporación de Augas de Galicia. Mentres, no medio Ambiente, Territorio e Vivenda (con Ángeles Vázquez á fronte) agrúpanse xunto ás competencias de urbanismo e paisaxe, as relacionadas coa vivenda e rehabilitación, adscribíndose a esta consellería o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
En Educación, Universidade e Formación Profesional refórzanse " este tipo de ensinos e "dáselle a visibilidade e a capacidade de xestión que esixe a empleabilidad". Adscríbese ao departamento de Carmen Pomar a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.
Escribe o teu comentario