A mineira de Touro deberá pagar 30.000 euros por verteduras contaminantes a un afluente do río Ulla
Aldea Viva bota en falta a imposición de medidas ao propietario para evitar novas verteduras
Afluente do río Ulla ao seu paso polo Pino | Imaxe: Aldea Viva
Augas de Galicia sancionou á propietaria dos terreos da mina de Touro - O Pino, Explotacións Galegas S.L., por verteduras contaminantes a un afluente do río Ulla. Así informou nun comunicado a Asociación Aldea Viva, que denunciou o pasado mes de decembro ante o organismo público a contaminación do río Burgo e Brandelos pola vertedura de augas residuais procedentes dos terreos mineiros.
A asociación "xa viña advertindo" que Explotacións Galegas S.L., propiedade de Francisco Gómez Novo, e "as autodenominadas 'empresas de valorización' que operan nestes terreos estaban a depositar toneladas de residuos contaminantes que chegaban ás canles fluviais", apuntan no comunicado.
Esta semana Augas de Galicia publicou a resolución do expediente sancionador, que "ditou a culpabilidade" da empresa e a imposición dunha multa de 30.000 euros "por vertedura de augas residuais con alteración da calidade das augas do afluente do Ulla", explica Aldea Viva.
Extracto da resolución de Augas de Galicia
A resolución "deixa claro que a escusa da recuperación paisaxística que alega a empresa non lle permite 'realizar verteduras contaminantes ao dominio público'", expón a asociación, que bota en falta a imposición de medidas ao propietario para evitar novas verteduras. "Os responsables", continúan, "optan por botar balóns fóra a través do principio de autoridade, o cal consiste en non asumir a culpabilidade e tentar desmentir as evidencias científicas con informes partidarios do profesor Felipe Macías, quen presuntamente tería intereses económicos e familiares nas empresas denunciadas".
A resolución de Augas de Galicia supón un "revés" á mineira que quere reiniciar a extracción de cobre, segundo Aldea Viva. As verteduras ao dominio público hidráulico son unha das principais preocupacións de quen se opón á mina, que viron os danos causados no anterior período de explotación entre 1973 e 1986. "A presente resolución desenmascara en parte as xa cuestionadas actuacións nestes terreos durante o últimos trinta anos por parte da mineira", conclúen.
Escribe o teu comentario