Concentración ante Inditex por "explotar ás traballadoras da provincia da Coruña"
O "exceso de carga de traballo, tanto física como psíquica, repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal"
"Dada a grave situación que están a sufrir as traballadoras nas tendas" de Inditex, a Confederación Intersindical Galega inicia unha campaña de mobilizacións que comezarán o xoves 27 de setembro ás 12.00h no Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela.
A circunstancia que que afecta ás traballadoras de Inditex na provincia da Coruña, onde leva a cabo a denuncia o sindicato, é a falta de persoal. "Nos estudos psicosociais realizados entre as traballadoras, os resultados constatan que cada vez a situación está peor", expón a CIG, que leva "varios anos" demandando un aumento da contratación indefinida nas tendas Lefties.
O "exceso de carga de traballo, tanto física como psíquica, repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal", condena o sindicato, e a empresa, continúa, "lonxe de incrementar o número de traballadoras" empezou a implementar 14 caixas de autocobro para substituír ás traballadoras en Marineda.
A representante de CIG no comité de empresa de Zara España S.A., Carmiña Naveiro, declara que a dirección da empresa é coñecedora da situación, pero "négase a adoptar medidas necesarias para eliminar estes riscos aínda que está obrigada a facelo". Naveiro denuncia que a situación "vén derivada dunha mala organización da propia dirección da empresa, que prefire que as traballadoras vaian pedir milagres a Lourdes que darlles unha solución".
Así as cousas, a CIG inicia o xoves 27 de setembro as mobilizacións despois da campaña informativa e de sensibilización que levou a cabo antes do verán.
Escribe o teu comentario