López Veiga confirma que non revisaron o paseo: "O Porto non revisa iso. Cada un ten as súas competencias"
López Veiga móstrase disposto a comparecer se se crea a comisión de investigación
O Porto de Vigo confirmou este venres que non revisou a zona onde se produciu o accidente de O Marisquiño porque non ten "ningunha dúbida" de que o mantemento dese paseo e da estrutura sobre a que se asenta é competencia municipal.
Así o trasladou en rolda de prensa o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, quen se remitiu ao convenio asinado a principios dos 90 sobre a actuación 'Abrir Vigo ao mar', e que recolle que será o Concello o encargado de limpar e manter "toda a actuación". "O convenio non contempla excepcións", recalcou o presidente do Porto.
A ese respecto, e cuestionado polos xornalistas, sinalou que, aínda que o Porto ten un departamento de mantemento e revisa periodicamente as súas instalacións, non se inspeccionou a zona sinistrada. "Por que habería de facelo o Porto? Toda esa actuación é competencia do Concello, o Porto non revisa iso. Cada un ten as súas competencias", subliñou.
López Veiga, quen indicou que non lle "constan" queixas ou advertencias polos problemas estruturais dese paseo, confirmou que o Porto está a elaborar un informe pericial "de parte" para saber "que ocorreu", e proclamou que respecta "escrupolosísimamente" a investigación xudicial sobre o accidente.
O presidente do Porto confirmou que aínda ningún responsable portuario foi citado a declarar pola xuíza, e sinalou que todas as actuacións deste organismo réxense polas directrices xurídicas marcadas pola Avogacía do Estado, ao ser un ente dependente da administración central.
COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN NO PARLAMENTO
Con todo, o responsable da Autoridade Portuaria viguesa expresou a súa disposición para comparecer alí onde sexa requirido no ámbito político, en alusión á posibilidade de que se cre unha comisión de investigación no seo do Parlamento de Galicia.
"Claro que estou disposto a comparecer onde se me demande. Son un demócrata, e eu si acepto que se cre unha comisión, porque son ámbitos completamente distintos, o da investigación xudicial, e o das responsabilidades políticas", proclamou.
Con respecto ás acusacións de En Marea, Marea de Vigo e BNG sobre a existencia dun suposto pacto entre Porto e Concello, López Veiga cualificou esa aseveración como "unha bobada". "De verdade que non hai ningún pacto, aquí non se tapa nada", apostilou.
Finalmente, con respecto ao precinto xudicial da zona sinistrada, o presidente do Porto non aclarou se este organismo actuará no paseo cando se levante devandito precinto. "Resérvome ata saber o resultado da instrución", sinalou.
Escribe o teu comentario