Os plans de recuperación do traballo na xustiza puxéronse en marcha "sen estudar as cargas de traballo"
Alternativas na Xustiza-CUT critica que se "pretenda vender" que "con 16 horas se pode recuperar o traballo dunha folga de tres meses"
A folga de xustiza durou tres meses
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT cualificou de "ridículos" en duración e contías os plans de recuperación do traballo por causa da folga rexistrada no sector e censurou que se puxeron en marcha "sen estudo das cargas de traballo".
Así o denunciou nun comunicado remitido aos medios, no que asegura que o "primeiro despropósito" foi empezar os plans por servizos cuxa carga de traballo depende directamente daqueles xulgados que estiveron en folga, como o Imelga.
"Cando se saque, na segunda fase dos plans, o traballo nos xulgados do penal, social, contencioso e primeira instancia será cando servizos como o Imelga terán as cargas derivadas do atraso no paro", advertiu o sindicato.
Así mesmo, critica que se "pretenda vender" que "con 16 horas se pode recuperar o traballo dunha folga de tres meses" cun seguimento en cidades como Vigo, Pontevedra e Ourense do 95%. "O número de horas é tan ridículo como recoñecer que o 90-95% dos traballadores sobran", indicou.
Ademais, entre outras cuestións, Alternativas na Xustiza-CUT censurou que se fagan plans sen ter en conta as cargas de traballo e que désese en todos os centros o mesmo número de horas sen ter en conta a cantidade de traballo acumulado.
Escribe o teu comentario