A excúpula de Caixanova procesada por un buraco de 80 millóns en créditos para a conserveira Alfageme

Considera que poderían incorrer en delitos de branqueo e apropiación indebida ou administración desleal


|

Fernandezgayoso2

Julio Fernández Gayoso

O xuíz do Xulgado de Instrución número 5 da Audiencia Nacional, José da Mata, acordou proceder contra o expresidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; os exdirectores xerais da entidade Gregorio Gorriarán e José Luis Pego, así como outras sete persoas investigadas ante a posible comisión de delitos de branqueo de capitais e delitos societarios en relación á concesión de préstamos á empresa Promalar para a compra dunha conserveira.


En concreto, Da Mata considera que estes exdirectivos "deseñaron un mecanismo claramente expropiatorio da entidade financeira que foi moito máis alá da adopción de actos erróneos no exercicio das súas facultades de administración" e que ocasionou un prexuízo de 80 millóns de euros a Caixanova. Entende que os seus actos poderían constituír un delito societario por administración desleal da xestión do patrimonio social ou apropiación indebida e branqueo de capitais.


Segundo detalla o auto, que pon fin á instrución, os feitos sitúanse entre 2005 e 2010, cando os investigados levaron a cabo catro operacións financeiras para que Promalar comprase e reflotase a conserveira Bernado Alfageme, que naquel momento presentaba serias dificultades económicas e cuxos accionistas mantiñan unha estreita relación coa Caixa.


O xuíz explica que para levar a cabo o plan, os máximos xestores de Caixanova propuxeron a outro dos investigados, Juan Lago, administrador de Promalar, a compra da conserveira e simuláronse contratos que ocultaban a verdadeira natureza e a finalidade das operacións de financiamento, "que era beneficiar a Lago Pérez e aos accionistas de Bernardo Alfageme, causándolles un prexuízo multimillonario á entidade financeira Caixanova".


Como garantía dos préstamos hipotecarios concedidos entregáronse leiras en distintas zonas de Galicia, pero estaban taxadas ata 190 veces por encima do seu valor real: na primeira operación, para cubrir o risco de 60 millóns do préstamo hipotecario, entregáronse en garantía leiras que Tasagalicia valorara en 133 millóns de euros no ano 2005 e cuxo valor real en 2010 era de 2.5 millóns de euros.


Noutras operacións, tal e como detalla o auto, a valoración excesiva das garantías condicionábase á aprobación de plans urbanísticos de recualificación de terreos, "e taxadas principalmente por Tasagalicia, empregando métodos de valoración incorrectos, e sen aplicar ningunha cautela ou control das valoracións por parte dos xestores de Caixanova". "O resultado final foi que o valor de taxación das leiras outorgadas como garantía se depreció posteriormente practicamente na súa totalidade", sinala Da Mata.


CRÉDITOS CON GARANTÍAS INFLADAS 

O xuíz conclúe que toda a operativa despregada polos imputados tivo desde o seu comezo a finalidade de conseguir beneficiar a Lago Pérez e aos accionistas de Bernardo Alfageme pola súa estreita relación coa Caixa, "facilitando a súa saída da sociedade en condicións favorables e en prexuízo da entidade de crédito que administraban".


Para iso, argumenta da Mata, "os directivos de Caixanova concertáronse con Lago Pérez, a través de Gorriarián Laza, para facilitarlle cantidades millonarias para comprar Bernardo Alfageme aos seus socios. Estas operacións estaban cubertas con garantías inmobiliarias taxadas de maneira absolutamente irregular (taxáronse leiras en 190 veces o seu valor) ocultando ou obviando a existencia de evidentes condicionantes urbanísticos que reducían drasticamente o valor das leiras outorgadas en garantía", sinala o auto.


Conforme detalla o xuíz, os préstamos e créditos non foron devoltos en ningún caso, "e supuxeron perdas multimillonarias á vista do ínfimo valor das garantías inmobiliarias, tratando os imputados de ocultar a súa responsabilidade alegando mala sorte, frustración de expectativas, ou a socorrida crise inmobiliaria".


ADMINISTRACIÓN DESLEAL Ou APROPIACIÓN INDEBIDA

Despois de analizar as operacións dos imputados, o xuíz entende que polo menos tres delas encaixan o delito de apropiación indebida, xa que os investigados realizaron disimulados "actos apropiatorios para terceiros con respecto ao diñeiro da entidade que administraban, que foron máis aló dos excesos das súas facultades de administración ou abusos no exercicio das súas competencias", aínda que mantén aberta a cualificación alternativa de administración desleal porque tamén hai "actos de abuso das funcións propias do seu cargo".


Do mesmo xeito, o xuíz aprecia nalgúns dos investigados a comisión de delito de branqueo de capitais porque se produciu un delito societario con prexuízos multimillonarios a Caixanova e cometéronse actos dirixidos a ocultar ou a permitir o aproveitamento deses bens ilícitos.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE