Medio Ambiente comparece ante Inspección de Traballo pola denuncia de axentes forestais e ambientais
Axentes forestais e ambientais denunciaron supostos incumprimentos en materia de protección e seguridade
Beatriz Mato, Conselleira de Medio Ambiente
A Consellería de Medio Ambiente terá que comparecer este mércores, día 29, ás 09,30 horas, nas dependencias da Inspección de Traballo da Coruña por supostos incumprimentos en materia de protección e seguridade, segundo informa a CIG.
A representación desta central sindical e de UXT no colectivo de axentes forestais e ambientais presentou denuncias nas catro delegacións provinciais da Inspección de Traballo contra a Consellería de Medio Ambiente por supostos incumprimentos en ambas as materias.
En concreto, reclaman á autoridade laboral que corrixa "canto antes" as "graves deficiencias" detectadas e que esixa ao departamento autonómico o cumprimento da normativa.
Segundo informa a CIG, na súa citación, a Inspección requírelle ao departamento autonómico que achegue "a relación de axentes forestais e ambientais asignados ao servizo de Protección da Natureza na provincia da Coruña e a avaliación de riscos e a planificación da acción preventiva no posto de traballo".
Tamén pide "documentación sobre a información impartida ao persoal, a entrega dos equipos de protección individualizados (EPIs) ou dos protocolos aplicados". Na comparecencia tamén estarán presentes os membros do comité de seguridade e saúde.
Escribe o teu comentario