A mina de Touro interponse na ruta cicloturista EuroVelo 3, segundo En Marea Touro
Eurovelo 3 parte de Noruega e ten como destino Compostela nunha ruta que pasa polo municipio de Touro
En Marea Touro insta o goberno municipal a rexeitar calquera proxecto de ampliación da mina. Faio, esta vez, pola incompatibilidade da actividade mineira co camiño EuroVelo 3, unha ruta cicloturista que parte de Noruega e ten como destino Compostela, pasando polo municipio de Touro.
Segundo a formación, este mes de agosto publicouse a licitación dos traballos de sinalización da ruta tras varios estudos previos e comprobacións de que "o trazado cumpre cos requisitos mínimos da Federación Europea de Ciclistas". O itinerario segue o transcurso do Camiño Francés, e en Arzúa continúa por Touro cara a Compostela.
"Diferentes estudos acreditan o importante retorno económico que supoñen estas rutas nas localidades por onde pasan, cun gasto medio de 57 euros por persoa e día; cifra superior á media xeral do turismo", indica o grupo municipal. Así, consideran EuroVelo 3 como unha "oportunidade de vitalización económica e social moi interesante" e unha actividade "sustentable e duradeira".
Por iso, instan o goberno municipal a "abandonar a súa conivencia coas agresións ambientais nos terreos mineiros", xa que consideran incompatible as "actividades agresivas" do proxecto de megaminería coa ruta.
Escribe o teu comentario