Manifestación ante a Xunta polo peche da Escola Unitaria de San Mateo por 3 inscricións
Segundo apunta a veciñanza, "só" necesitan tres matrículas máis para impedir ese peche, e evitar así que os seus fillos teñan que trasladarse de centro
Veciños de Ponteareas, acompañados polo alcalde desta localidade e varios concelleiros, concentráronse este luns ás portas da sede da Xunta en Santiago para reclamar ao goberno galego que reconsidere a súa decisión de pechar a Escola Unitaria de San Mateo.
Os veciños, que reuniron máis de mil asinas de apoio, foron recibidos por responsables da Consellería de Educación, que "ratificaron" a súa decisión de pechar esta escola, polo que apelaron á "solidariedade" doutros pais de Ponteareas para que matriculen aos seus fillos neste centro.
Segundo apuntaron, "só" necesitan tres matrículas máis para impedir ese peche, e evitar así que os seus fillos teñan que trasladarse de centro e perdan a posibilidade de recibir unha educación "máis próxima e personalizada".
Os afectados lamentaron que a Xunta non atendese os seus argumentos nin as alternativas postas sobre a mesa para impedir o peche, e advertiron de que este paso dado pola administración supón "unha ameaza" tamén para outras escolas unitarias.
Escribe o teu comentario