Mulleres artistas, as protagonistas do festival 85C
"Unha cita inesquecible para quen vive a arte tamén como motor de causas sociais e desde unha perspectiva de xénero"
Dibass Ensamble na edición de 2017 | Imaxe: Asociación 85C
O 7, 8 e 9 de setembro Vigo acolle a terceira edición do festival 85C, unha iniciativa da Asociación 85C que terá como fío condutor o traballo da muller na arte, co obxectivo de "poñer en valor o seu papel na historia e na sociedade".
Segundo explican desde a organización, a aposta polos novos talentos será o aceno de identidade desta edición. O festival, no que participan 25 locais, reunirá a máis de 80 artistas convidadas de todos os ámbitos: artes escénicas, música, cinema, poesía...
"Serán tres días para axitar os corpos e as conciencias", afirman as organizadoras. Definen o festival como "unha cita inesquecible para quen vive a arte tamén como motor de causas sociais e desde unha perspectiva de xénero". O cartel conta con nomes recoñecidos da cultura como María Lado, María Vermellas ou Mounqup e inclúe múltiples actividades como mesas redondas, proxeccións nos Cinemas Norte, concertos, recitais de poesía, intervencións na rúa, contacontos e talleres.
A novidade este ano é 'Churruca en loita', que, segundo explican, "engloba o compromiso de 17 locais da xa mítica zona da cidade para poñer ao mando das súas mesas de mesturas a 17 mulleres durante todo o fin de semana", unha iniciativa "sen antecedentes en Vigo".
Escribe o teu comentario