O estado do río Portapego próximo á mina de Touro é "lamentable", segundo Augas de Galicia
"O silencio e a permisividade do alcalde permitiron os desastres ambientais que veñen sucedendo" desde a urbanización da actual área de servizos de Touro, critica Aldea Viva
O río Portapego | Imaxe: Aldea Viva
Un informe de Augas de Galicia sinala que a causa principal das inundacións do río Portapego é o "estado lamentable da canle natural do regacho". Así o explica a asociación Aldea Viva, que tras acceder ao informe anunciou que presentará alegacións ás obras que pretende levar a cabo o Concello, "xa que consideran que as arcas municipais non deben asumir os custos da desfeita ambiental que levou a cabo a propietaria dos terreos da mina, Explotacións Galegas".
Aldea Viva, segundo explica nun comunicado, considera que as actuacións propostas "non solucionan o problema, xa que os lodos mineiros seguirán atascando a rede". O pasado mes de xullo, a asociación ecoloxista denunciou o gasto de diferentes Administracións de máis de 300.000 euros en "tentar tapar o estado do río que pasa pola capital municipal".
Informe de Augas de Galicia
CRÍTICAS AO ALCALDE
"O silencio e a permisividade do alcalde permitiron os desastres ambientais que veñen sucedendo" desde a urbanización da actual área de servizos de Touro. Desde Aldea Viva critican duramente ao alcalde do municipio, Ignacio Codesido, polos "escándalos relacionados cos terreos mineiros propiedades de Explotacións Galegas".
A urbanización da área de servizos, explican, supuxo a desaparición da canle perimetral que evitaba a saída de lixiviados da mina aos ríos e das balsas de decantación. Culpan a Codesido de non denunciar as "supostas ilegalidades" a pesar do coñecemento da situación, e de ser "colaborador necesario das mesmas, como demostran os feitos como o desta noticia".
Escribe o teu comentario