Dous incendios da provincia de Ourense foron provocados pola liña ferroviaria
A investigación desenvolveuse mediante a aplicación do método das evidencias físicas e tras ela os resultados serán postos en coñecemento da xustiza
Axentes ambientais do distrito forestal XII na provincia de Ourense resolveron as causas de dous incendios rexistrados os pasados días 15 de xullo e 7 de agosto, en Taboadela e en Cartelle, respectivamente. No primeiro dos casos, foron as faíscas do tren as que provocaron o lume, mentres que no segundo, debeuse á liña eléctrica.
Segundo fontes deste servizo consultadas por Europa Press, o incendio de Taboadela debeuse a "neglixencias", xa que os freos do tren estaban "en mal estado". As marxes da vía tiñan herba seca, debido ao herbicida aplicado. Neste punto arderon 0,04 hectáreas de matogueira.
No segundo dos casos, en Cartelle, este martes 7 de agosto, unha liña eléctrica foi a causante doutro lume que calcinou 0,45 hectáreas de arboledo.
A investigación desenvolveuse mediante a aplicación do método das evidencias físicas e tras ela os resultados serán postos en coñecemento da xustiza, apuntan as mesmas fontes.
POTENCIAR AS BIIF
Por outra banda, os axentes ambientais reclaman unha das 30 medidas que o presidente da Xunta anunciou tras a vaga de incendios do pasado outubro, a de potenciar as BIIF (brigadas de investigación de incendios forestais) con tres compoñentes, "algo que -critican- ata a data non sucedeu".
Tamén esperan ter unha "pronta inclusión" nas relacións de postos de traballo da Consellería do Medio Rural e que se lles dote de "medios acordes ao seu labor".
Escribe o teu comentario