Este sábado arrincan as Festas da Peregrina coa xira de despedida de Rosendo
As Festas da Peregrina 2018, que se desenvolven entre o 11 e o 19 de agosto, ofrecerán os concertos de Rosendo, Carlos Sadness, The Gift, Bunbury e Sidecars
Pontevedra ultima os detalles para a súa Semana Grande, as Festas da Peregrina 2018. Entre o 11 e o 19 de agosto locais e visitantes poderán gozar dunha ampla programación chea de música, folclore e animación polas rúas da cidade do Lérez.
O sábado 11 ás 12.00h os festexos quedarán oficialmente inaugurados coa lectura do pregón desde os balcóns do Pazo de Mugartegui nunha xornada chea de pasarrúas e actuacións de agrupacións folclóricas no centro histórico. Un dos concertos máis esperados, o de Rosendo dentro da súa xira de despedida, empezará ás 22.30h en Praza de España, acompañado de Glitter&Litter. A medianoite haberá fogos artificiais no peirao de Corvaceiras.
O domingo Carlos Sadness e a banda portuguesa The Gift serán as protagonistas da Praza de España, tras os pasarrúas e actuacións durante o día. Como o sábado, a Gran Vía de Montero Ríos acollerá unha verbena ás 22.45h.
Tamén en Praza de España terá lugar o concerto de SondeSeu o luns ás 22.30h, mentres que o martes Andrés Suárez actuará na Praza da Ferraría á mesma hora. O mércores, día de Santa María haberá pasarrúas, actuacións infantís, xogos e tradicións populares e concertos, e ás 22.30h será a quenda de Bunbury en Praza de España .
O xoves, subirase Antonio José ao mesmo escenario e á mesma hora, igual que o fará o sábado 18 Sidecars. O domingo 19 aos pasarrúas que se sucederán durante todo o día únese Caxade, que ofrecerá un concerto ás 21.00h na Praza da Ferraría, e tras a verbena de Montero Ríos ás 22.45h, as festas da Peregrina pecharanse con fogos artificiais a media noite.
Escribe o teu comentario