Casalonga Limpa prepárase para acabar coa planta de residuos a un mes da súa exposición pública

En setembro comeza o período de exposición pública do proxecto da planta de residuos de Casalonga


|

Foto de Fátima Seijo. Camiseta Plataforma Casalonga Limpa


En setembro comeza o período de exposición pública do proxecto da planta de residuos de Casalonga, e a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos xa se prepara para a batalla. Nunha reunión mantida este luns 6 de agosto entre Concello e Plataforma, o goberno local trasladou á veciñanza o contido do encontro coa Xunta de Galicia o 2 de agosto.


O Goberno galego comunicou ao Concello de Teo que se o informe de compatibilidade urbanística da corporación municipal é negativo, "pecharase o procedemento" deste proxecto. A pesar de que a priori poida parecer unha boa noticia para a plataforma, aclaran que non é así. Desde a asociación, "tras asesorarse con especialistas e reunirse con outras plataformas" expoñen os camiños que podería tomar Toysal para abrir a súa planta. 


Dunha banda, podería levar a xuízo ao Concello para tentar "invalidar o informe de compatibilidade urbanística". Se o conseguise, a aprobación do proxecto quedaría en mans da Xunta. Doutra, podería presentar outro plan dunha planta similar "na que logo irá engadindo modificacións 'non substanciais' ao proxecto, convertendo a planta inicial noutra mil veces máis contaminante e destrutiva, como pasa en Miramontes, Touro, As Somozas ou Ordes", sinalan. A terceira opción é que opten por ambas as vías.


A Plataforma Casalonga Limpa xa anunciou que, no primeiro caso, acudirase no xuízo "para defender os intereses da veciñanza". No segundo, o novo proxecto podería tramitalo directamente na Xunta e, de non facerse público antes, tería só 30 días de exposición pública para analizar o novo plan e presentar alegacións. 


Esperan, iso si, la redacción dunha nova lei para evitar plantas como a de Toysal. "O PP de Galicia, por mor da nosa insistencia, comprometeuse de forma verbal coa plataforma para traballar a partir de setembro nos cambios lexislativos necesarios para que esta planta e outras similares non se poidan instalar en lugares como A Casalonga", expoñen. 


Confían nos manifestos institucionais de Santiago, Ames, Brión, Padrón, Teo, Rois e no da Deputación da Coruña "asinados por todos os partidos políticos" como ferramenta para evitar a instalación deste tipo de actividades "en Casalonga ou en calquera outra das máis de 70 canteiras abandonadas na provincia da Coruña con núcleos poboacionais próximos". "A plataforma ten claro que só unha mobilización cidadá contundente conseguirá gañar a partida", conclúen. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE