Taxistas galegos seguen en folga a pesar de que Uber e Cabify non teñen presenza na comunidade
Nas protestas iniciadas na cidade de Barcelona resoa constantemente os nomes de Uber e Cabify, que ofrecen un servizo de aluguer de coche con condutor
O colectivo galego de taxistas decidiu este luns secundar a folga das compañeiras e compañeiros cataláns desde o mediodía ata a medianoite deste mércores nunha reunión na Coruña onde, segundo fontes do sector, a decisión foi "unánime".
A Federación Española de Taxi, Fedetaxi, reclama a nivel estatal a transferencia das competencias de licenzas para VTC (aluguer de vehículos con condutor) ás comunidades autónomas de forma vinculante, así como o cumprimento do cociente 1/30 -unha licenza de VTC por cada 30 taxis-.
Pero, que pasa en Galicia? Leopoldo Villa, da Federación Galega do Taxi, declarou que a presenza destes vehículos en Galicia "vai crecendo", e achega datos. Segundo Vila, existen 500 licenzas na provincia da Coruña. Segundo a Consellería de Infraestruturas, en informacións publicadas polo diario Galiciaé no mes de abril deste ano, o número de licenzas de taxi da comunidade roldaba as 3.600 e as de VTC as 265, o que supoñería un cociente de 13,6 taxis por cada coche VTC.
UBER E CABIFY
Nas protestas iniciadas na cidade de Barcelona resoa constantemente os nomes de Uber e Cabify, compañías estadounidense e española respectivamente, que ofrecen un servizo de aluguer de coche con condutor. A pesar das licenzas para VTC expedidas na nosa comunidade, ningunha das dúas empresas ofrece servizos aquí.
A compañía estadounidense só ofrece servizos, segundo a súa páxina web, en Barcelona, Madrid e Málaga. Ao tentar calcular o prezo para unha viaxe en Santiago de Compostela, a páxina infórmanos de que non está dispoñible, de igual maneira que noutras cidades galegas.
Pola súa banda, Cabify ten presenza en Alacante, Barcelona, Madrid, Málaga, Sevilla e Valencia, tamén segundo o seu sitio online.
Escribe o teu comentario