O paro cae máis dun 13% nun ano grazas ao turismo e ao ladrillo
Os datos de paro deste trimestre son, en termos globais, bos. Galicia rebaixa o seu paro máis dun 13 por cento nun ano, grazas a construción e servizos; mentres que os sectores máis directamente produtivos (industria, agricultura e pesca) seguen destruíndo postos de traballo.
Os datos de paro deste trimestre son, en termos globais, bos. Galicia rebaixa o seu desemprego máis dun 13 por cento nun ano, grazas a construción e servizos; mentres que os sectores máis directamente produtivos (industria, agricultura e pesca) seguen destruíndo postos de traballo.
O paro baixou en 11.500 persoas no segundo trimestre do ano en Galicia, o que supón un 6,17% menos que no trimestre anterior, ata situarse o total de desempregados en 175.000, segundo a enquisa de poboación activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Entre abril e xuño deste ano creáronse 25.700 empregos na comunidade galega, un 2,45% respecto ao trimestre anterior, de modo que o total alcanzou os 1.075.800 ocupados.
CAÍDA DO PARO DE MÁIS DO 13% NUN ANO
En comparación interanual, o descenso do paro foi do 13,15% (fronte a 201.500 desempregados no segundo trimestre de 2017) e o incremento da ocupación, do 2,56% (desde os 1.048.900 empregados do mesmo período do ano pasado).
Deste xeito, a taxa de paro en Galicia sitúase no 13,99% e baixa en 1,09 puntos respecto da do trimestre anterior (15,08%) e 2,12 puntos en comparación coa dun ano atrás (16,11%).
Pola súa banda, a taxa galega de actividade, no 53,6%, é 0,63 puntos maior que a do primeiro trimestre do exercicio e 0,26 puntos superior á de hai 12 meses.
DATOS POR PROVINCIAS
Por provincias, a da Coruña reduciu en 1.300 o número de parados con respecto ao trimestre anterior, ata 71.700 persoas e unha taxa do 13,44%. A de Pontevedra acaparou o groso da diminución, con 9.000 desempregados menos, ata 71.500 e unha taxa do 16,38%.
Pola súa banda, Lugo anotouse un descenso de 100 persoas, ata 14.400 e unha taxa de desemprego do 9,58% e a Ourense correspóndelle un recorte dun milleiro de parados, ata 17.500 e o 13,36%.
En canto á distribución por sexos, na comunidade galega hai 82.300 parados que son homes (a taxa ascende ao 12,82%) e 92.800, mulleres (15,23%). Os ocupados repártense entre 559.200 homes (taxa do 57,47% de actividade) e 516.600 mulleres (50,05%).
MENOS OCUPACIÓN EN PRIMARIO, MÁIS EN CONSTRUCIÓN E SERVIZOS
Atendendo aos sectores de actividade económica, a cifra de ocupados neste trimestre diminuíu en agricultura e pesca e na industria, mentres repuntó tanto na construción como nos servizos.
No sector primario, a ocupación diminuíu en 5.500 persoas respecto ao primeiro trimestre; na industria, en 400 persoas. Pola contra, a construción rexistrou un incremento de 3.000 persoas e os servizos, 28.000 traballadores máis.
Con respecto ao mesmo trimestre de 2017, a ocupación baixou en agricultura e pesca un 12,1% e na industria un 1%; mentres que na construción subiu un 1,3% e nos servizos un 5%.
SUBA UNHA DÉCIMA A TAXA DE TEMPORALIDADE, AO 26,8%
En Galicia, había 865.300 persoas asalariadas no segundo trimestre de 2018, 633.000 con contrato indefinido e os 232.300 restantes con temporal.
Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 23.300 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 3,8 puntos en termos relativos.
O número de persoas suxeitas a un contrato temporal aumentou tamén, neste caso en 10.600 efectivos (o que representa unha subida do 4,8% con respecto ao primeiro trimestre de 2018).
En variación interanual, as persoas con contrato indefinido incrementáronse un 5,9% e as contratadas de maneira temporal ascenderon un 4%.
Así as cousas, a taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados, repuntó unha décima neste trimestre, ata o 26,8%.
No segundo trimestre de 2018 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.333.500 persoas, das cales 1.250.800 clasifícanse como activas, que é o que sitúa a taxa de actividade no 53,6%.
DATOS DO CONXUNTO ESTATAL
No conxunto estatal, a caída do paro foi en 306.000 persoas no segundo trimestre do ano, o que supón un 8% menos que no trimestre anterior. Mentres, creáronse 469.900 empregos, un 2,5% respecto ao trimestre anterior, o que situou o total de ocupados en 19.344.100 persoas, o seu maior nivel desde o cuarto trimestre de 2008.
A taxa de paro baixou case 1,5 puntos o segundo trimestre, ata o 15,28%, mentres que a taxa de actividade subiu tres décimas, ata o 58,8%, tras aumentar o número de activos en 163.900 persoas entre abril e xuño (+0,7%).
A baixada do desemprego rexistrada no segundo trimestre (-306.000 desempregados) non supera o descenso récord que se experimentou no mesmo período de 2017 (-340.700 parados), pero si as baixadas experimentadas nos segundos trimestres de 2015 e 2016, cando o paro retrocedeu en 295.600 e 216.700 persoas.
A creación de emprego rexistrada no segundo trimestre concentrouse no sector privado, que xerou 457.800 empregos (+2,9%), xa que o sector público apenas creou 12.100 postos de traballo, un 0,4% máis respecto ao trimestre anterior.
O número de asalariados incrementouse en 465.100 persoas (+2,9%), repartíndose este aumento case por igual entre os asalariados con contrato temporal, que subiron en 233.700 persoas (+5,6%), e os asalariados con contrato indefinido, que avanzaron en 231.400 persoas (+2%).
Escribe o teu comentario