En Marea Touro denuncia favores tributarios do Concello ao propietario da mina
Acusan directamente o goberno local, presidido polo popular Ignacio Codesido, de permitir a evasión de tributos a Explotaciones Gallegas
A formación En Marea Touro acaba de denunciar favores tributarios por parte do Concello ao propietario da mina de cobre do municipio. "A Administración permite ao propietario da mina de Touro a evasión fiscal do Imposto de Bens Inmobles", declaran nun comunicado.
Segundo explican, a veciñanza do concello do que denominan "catastrazo", a regularización catastral que obriga a pagar unha taxa de 60 euros por inmoble e as obrigacións do Imposto de Bens Inmobles existentes nos núcleos rurais, "na súa maioría construcións agrarias sen actividade".
"Fronte a esa 'eficacia' recadatoria cara ao contribuínte do común", alegan que o propietario "só ten declarada unha ridícula construción de cento sesenta e cinco metros cadrados", cando, sempre segundo En Marea Touro, hai numerosas naves industriais construídas nos terreos da mina.
Acusan directamente o goberno local, presidido polo popular Ignacio Codesido, de permitir a evasión de tributos a Explotaciones Gallegas e de dispoñer do diñeiro público "para pagar dos estragos das verteduras e lodos que chegan da mina ás rúas de Fonte Díaz e acaban por entullar a rede de saneamento".
Así as cousas, a formación advirte que poñerá os feitos en coñecemento do órgano supervisor de Contas, "ante o deixamento do rexedor con resultado gravoso para as arcas públicas".
Escribe o teu comentario