Está o profesorado preparado para atender alumnado con autismo?
Ciudadanos rexistrou unha proposta para que o profesorado de primaria e secundaria poida formarse en atención a nenas e nenos con trastorno de espectro autista a partir do curso 2018-2019
Unha de cada cen persoas padece trastorno de espectro autista (TEA), o que significa que nunha escola de 100 alumnas e alumnos podería haber entre tres e catro escolares con autismo. Así o explica Ciudadanos Galicia, que acaba de rexistrar unha proposta para que o Parlamento de Galicia inste á Xunta a formar ao profesorado de primaria e secundaria nesta materia.
A portavoz do partido laranxa, Olga Louzao, declarou que a petición se debe a que o profesorado non ten "formación específica para poder atender correctamente a este alumnado", a pesar da porcentaxe de persoas que poden padecer o trastorno. Apuntan desde o partido que "en moitos casos" as nenas e nenos con TEA "nin sequera teñen o diagnóstico correspondente e pasan desapercibidos".
Louzao expuxo a "especial importancia" das actividades de lecer para o alumnado TEA, polo que avogan pola existencia de monitoras e monitores de lecer especializados.
A proposta consta de tres puntos, que Louzao resumiu así: "pedimos que se poidan ofrecer cursos presenciais de formación sobre TEA ao profesorado de primaria e secundaria por parte da Consellería de Educación a partir do próximo curso 2018-2019, e dotar de monitores de tempo libre especializados en TEA aos centros que o necesiten", tamén coa entrada do novo ano escolar.
Escribe o teu comentario