Aprobada unha proposta de demanda interesatal a favor dos mariñeiros de Long Hope
A proposta presentada polo BNG no Parlamento reclama ao Goberno estatal a presentación dunha demanda interestatal ante Noruega para que os mariñeiros de Long Hope poidan acceder ás súas prestacións sociais
O Bloque Nacionalista Galego sacou adiante unha proposta no Parlamento de Galicia para que o Goberno estatal interpoña unha demanda interestatal ante Noruega en relación ao colectivo de mariñeiros. Reclaman con iso que as 12.000 persoas que o conforman, 8.000 delas galegas, poidan recibir as prestacións sociais que levan reclamando polo seu traballo en buques do país nórdico.
A portavoz de pesca do BNG, Montse Prado, expuxo a necesidade de expor esta demanda a favor dun colectivo "que leva moito tempo cun intenso labor reivindicativo, con escritos, con innumerables actuacións ante todas as institucións dentro do Estado Español, nos estados da UE e ante diversos organismos internacionais".
Considera que esta demanda axilizaría as reclamacións e condena que o Long Hope estivo "abandonado" polo goberno estatal. O respaldo que teñen da xustiza norueguesa é escaso, "xa que as primeiras sentenzas están a ser negativas e obrígalles, ademais, a esgotar as vías nos tribunais do país nórdico antes de poder chegar ao Tribunal europeo de dereitos humanos", destacou Prado.
Así as cousas, desde o BNG reclaman ao Goberno central a que inicie unha "negociación real, inmediata e directa" co país para alcanzar unha "solución satisfactoria á situación de desprotección social na que se atopan os mariñeiros emigrantes en barcos deste país".
Escribe o teu comentario