Cambio de organización na ONCE
O Consello Xeral da ONCE visitou o Palacio da Zarzuela para presentar a nova organización da fundación cando cumpre 80 anos de vida.
Recepción en Zarzuela
O presidente da ONCE, o pontevedrés Miguel Carballeda, xunto aos compoñentes do Consello Xeral reuníronse este xoves no Palacio da Zarzuela coa Raíña Letizia para presentar a nova organización da fundación.
Carballeda explicou a recente posta en marcha da denominación Grupo Social ONCE, que busca axuntar todas as accións sociais de ONCE, Fundación ONCE e as empresas ILUNION. A organización reiterou o seu compromiso coa innovación como "panca de futuro", con múltiples iniciativas ligadas á educación, o emprego e a accesibilidade, "tres das claves sobre as que apoia o seu labor social", segundo explican nun comunicado.
Cando cumpre 80 anos de vida, a ONCE alcanza as 70.000 traballadoras e traballadores en persoal, "todo un soño e tamén todo un reto" para a mesma. Carballeda quixo aproveita a ocasión para dar as grazas pola creación do Consello Xeral ás 72.000 persoas cegas afiliadas que conseguiron facelo posible.
O presidente lembrou á raíña que todo o que logrou a organización "debémosllo aos cidadáns, á realidade dunha sociedade que sempre colaborou connosco e permitiunos crecer ao seu lado e evolucionar cara ao que somos". Así, concluíu que todas as persoas que forman parte da organización, de calquera forma, "sempre poden contar cunha ONCE comprometida e solidaria, disposta a xerar oportunidades de vida para quen máis o necesitan".
Escribe o teu comentario