A empresa do parking do hospital está a cobrar por encima das tarifas, denuncia o PSdeG
A Deputación de Ourense aprobou unhas novas tarifas para aparcar no Hospital de Ourense, primeira hora gratis incluída, a cargar desde o día 1. Con todo, a concesionaria non as está aplicando, segundo denuncian os socialistas.
A Deputación de Ourense aprobou unhas novas tarifas para aparcar no Hospital de Ourense, primeira hora gratis incluída, a cargar desde o día 1. Con todo, a concesionaria non as está aplicando, segundo denuncian os socialistas.
Manuel Baltar
O portavoz do PSdeG na Deputación de Ourense, Francisco Fraga, denunciou este luns que a empresa concesionaria que xestiona o aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) non está a aplicar as novas tarifas aprobadas no último pleno do ente provincial, celebrado o pasado 29 de xuño. Ante este "escándalo", pide explicacións "urxentes" ao titular da institución, Manuel Baltar.
A PRIMEIRA HORA ERA GRATIS SEGUNDO O ACORDO DA DEPUTACIÓN
Como proba diso, os socialistas enviaron un recibo no que se rexistra un cobro de 0,80 euros por unha estancia de 20 minutos no aparcadoiro, a pesar de que "a primeira hora debería ser gratuíta desde o 1 de xullo segundo os prezos vendidos "propagandísticamente por Baltar e aprobados polo pleno provincial", asegurou o PSdeG.
Así as cousas, Francisco Fraga tachou de "escándalo" que a empresa concesionaria "incumpra a regulación tarifaria" coa "complicidade" do presidente da Deputación.
"O timo con todo o relacionado cos aparcadoiros do hospital xestionados polo Partido Popular xa é unha burla descarada contra toda a cidadanía", criticou o portavoz.
PETICIÓN DUN INFORME TÉCNICO
O PSdeG anunciou a través do mesmo comunicado que xa rexistraron un escrito no que reclaman explicacións "urxentes" á Deputación de Ourense, que "debe vixiar o cumprimento estrito das condicións legais do contrato de concesión".
Así mesmo, o escrito en cuestión solicita un informe técnico que valore o "incumprimento da concesión, as súas consecuencias legais e a posible aplicación de sancións á empresa", recolle o comunicado dos socialistas.
Ademais, o PSdeG instou á institución provincial a que informe á cidadanía do seu dereito para solicitar a "inmediata devolución" dos cobros aplicados pola empresa concesionaria, "que está a incumprir o acordo plenario que lle obriga a aplicar desde o 1 de xullo de 2018 os prezos públicos aprobados".
Escribe o teu comentario