Nova xornada caótica no aeroporto de Vigo
Ata 12 voos non puideron aterrar este martes en Peinador debido a que un sistema de xestión da aterraxe está sendo modernizado.
Ata 12 voos non puideron aterrar este martes en Peinador debido a que un sistema de xestión da aterraxe está sendo modernizado.
O aeroporto vigués de Peinador volveu a rexistrar este martes unha xornada de incidencias, con 9 voos cancelados e outros 3 que tiveron que ser desviados, debido ás malas condicións meteorolóxicas e á desconexión do sistema de axuda á navegación aérea ILS.
Fontes de AENA consultadas por Europa Press confirmaron que os voos procedentes de Madrid das 8,10 horas (Air Europa) e das 8,45 horas (Iberia), así como o que tiña que chegar ás 9,20 horas desde Barcelona (Vueling) foron cancelados.
Por outra banda, foron desviados a Lavacolla o voo de Air Nostrum procedente de Madrid e con chegada prevista ás 11,50 horas; a conexión de Vueling desde Barcelona, e o voo de Iberia, tamén con orixe na capital de España, e que tiña que chegar a Vigo ás 12,50 horas.
Con respecto ás saídas, foron todas canceladas desde primeira hora da mañá ata primeira hora da tarde. Así, canceláronse a saída de Air Europa das 8,50 horas con destino a Madrid; a saída de Iberia das 9,25 horas con destino a Madrid; a saída de Vueling das 9,55 horas con destino a Barcelona; a saída de Air Nostrum das 11,35 horas con destino a Bilbao; a saída de Air Europa das 12,30 horas con destino a Madrid; e a saída de Iberia das 13,35 horas con destino a Madrid.
Así mesmo, AENA tamén confirmou que o resto de voos están a operarse con normalidade e que segue á espera de poder realizar os voos de calibración para ultimar a posta en funcionamento de novo sistema de axuda á navegación.
Escribe o teu comentario