Antonio López: “Imos ser absolutamente intransixentes con Luciano Méndez”

No poder dende hai menos dun mes, López móstrase optimista co novo reto que ten que afrontar durante os vindeiros catro anos, e fala con Galiciapress da situación actual da universidade, das melloras que quere implantar pensando “a longo prazo”, do persoal, de igualdade, e de reivindicacións do estudantado. 


|

  • Antonio López fala con Galiciapress da situación actual da universidade, das melloras que quere implantar pensando “a longo prazo”, do persoal, de igualdade e de reivindicacións do estudantado.
  • O reitor valora o éxito acadado nas últimas eleccións: "Sempre que falamos dun proxecto falamos dunhas ideas e tamén é un elemento moi importante un equipo, unhas persoas que asuman o reto de levalas a cabo"


Antonio lopez entrevista usc evaneira

Antonio López conseguiu acadar o reitorado da USC este abril con máis do 60% dos votos, despois de perder con Juan Viaño na anterior elección. O doutor en Dereito pola USC e catedrático de Dereito Financeiro calou entre o estudantado, con tres de cada catro sufraxios nesta categoría. Define ao seu equipo, formado por cinco mulleres e cinco homes, como un grupo “profesionalizado”, para acabar coa gran importancia da asesoría que tivo ata agora a USC. No poder dende hai menos dun mes, López móstrase optimista co novo reto que ten que afrontar durante os vindeiros catro anos, e fala con Galiciapress da situación actual da universidade, das melloras que quere implantar pensando “a longo prazo”, do persoal, de igualdade e de reivindicacións do estudantado. 


Vén de gañar as eleccións ao reitorado co apoio do 60%. Que diferenzas viu entre estas eleccións e as de hai catro anos?


Diferenzas no resultado moitas, pero aparte diso tiveron que ver con que hai catro anos eu acababa de reincorporarme na universidade despois de estar no Consello de Contas e agora había unha traxectoria de catro anos na que estivemos participando no claustro, no consello de goberno, nos órganos de goberno da universidade, facendo propostas.. Imaxino que tamén soubemos achegarnos mellor aos distintos sectores da comunidade universitaria. Tiñamos máis presenza e me parece que acertamos coas ideas nas que baseamos a nosa campaña que coincidían co que precisaba a comunidade universitaria.


Pensa que esas ideas foron a principal chave do éxito nesta carreira?


Estou convencido de que si. Sempre que falamos dun proxecto falamos dunhas ideas e tamén é un elemento moi importante un equipo, unhas persoas que asuman o reto de levalas a cabo. Paréceme que neste caso coincidiron as dúas cousas: unhas ideas onde falabamos de apostar polo persoal, de revitalizar órganos de goberno, de reforzar autonomía universitaria, cambiar algunhas dinámicas na xestión financeira, sobre todo na xestión da débeda. Parecen que eran cousas que demandaba a comunidade universitaria, e ademais parece que a proposta de persoas, que é un equipo que representaba a toda a comunidade universitaria, plural, diverso, ,paritario… tivo tamén unha acollida favorable.


Chama a atención os resultados por categoría: 3 de cada 4 estudantes votaron por vostede, aínda que a participación acostuma a ser baixa.


Unha das claves foi, como dicía, que fomos capaces de chegar mellor á comunidade universitaria, tanto a través de redes sociais como a propia imaxe e o que intentamos transmitir durante a campaña. Acertou ben a mensaxe nos destinatarios e na forma que o fixemos.


Hai que recoñecer que a participación é baixa, pero temos que pensar que case se duplicou en relación a hai catro anos. A participación é baixa no estudantado, en PDI e PAS sole haber una participación máis alta. Este ano houbo un salto importante pero aínda así estamos nun 12%, sigue sendo moi baixa. Temos que facer algo por chegar máis e por facer máis fácil a votación. Por exemplo, a implantación do voto electrónico é unha peza clave para favorecer a participación do alumnado. Non é a única, pero si é unha peza importante que ademais faría moito mais sostible, entre aspas, o sistema electoral, senón o sistema electoral é farragoso e moi complicado.


Cal é a situación que se encontrou o seu equipo de goberno ao chegar á USC?


Atopámonos con máis ou menos o que nos imaxinábamos que nos iamos atopar. Estamos aínda na fase de entrar nos temas máis polo miúdo, levamos quince días escasamente de xestión efectiva. Fáltanos aínda entrar ata o fondo e coñecer a realidade, os temas, os problemas… Pero si substancialmente, na medida en que estabamos en contacto co funcionamento da universidade, co consello de goberno, boa parte de membros que formamos parte do noso equipo… realmente xa tiñamos certa idea do que nos atopabamos.


Reitorado rector usc evaneira

Reitorado da USC | Imaxe: Eva Neira Carballo


Unha das claves do seu programa é a contratación e estabilización do profesorado. Recentemente o Tribunal Supremo considerou en fraude de lei os contratos temporais de profesorado universitario. Como se aborda este problema?


Un dos problemas que puñamos de manifesto e que sinte a comunidade universitaria é que nestes anos de crise recortouse tanto en temas de investimento, como en temas de gasto e de funcionamento, pero moi especialmente en temas de persoal. O recorte se fixo fundamentalmente mediante as políticas de xubilación: a xente que accedía á xubilación alí onde non era imprescindible non se repoñían as prazas e onde era imprescindible se substituían prazas de catedráticos, titulares, que son os que se están xubilando neste momento, en algún caso por interinos en substitución e asociados con moi pouca dedicación. É unha forma moi precaria de cubrir as necesidades docentes. Podo valoralo como unha solución que se fai excepcionalmente para situacións moi especiais, pero non pode ser un mecanismo habitual, senón que temos que poñer en marcha un plan de renovación que permita substituír profesorado estable por outro profesorado estable, porque iso é o que nos pide o bo funcionamento da docencia e da investigación.


Outro punto que defende son as melloras laborais 


En materia de persoal temos un problema que é o da renovación, e temos que poñer en marcha un plan de renovación que empece a ver cal vai ser a situación dentro de cinco, seis, sete, oito anos e estar en condicións de poder ofrecer unha solución. Outro problema é que temos uns colectivos importantes de profesores pendentes de promoción. Contratados doutores a titulares, titulares a catedráticos… xente que xa ten un posto estable pero que loxicamente aspira a mellorar a súa condición. Vamos a poñer en marcha un plan que permita que esta xente poida ver colmadas as súas expectativas de promoción académica, a súa carreira profesional, cun plan a catro anos que nos parece que pode ser perfectamente factible para dar saída a isto, e desa maneira complementaríamos os obxectivos en temas de persoal: renovación, estabilización e tamén promoción daqueles profesores que xa están estabilizados. Son as tres pezas nas que se asenta a política de persoal de PDI, despois teríamos que falar de persoal de administración e servizos (PAS).


É un ámbito moi importante no que tamén se recortou e temos que recuperar as prazas que se perderon, porque seguimos necesitando persoal, e temos que revisar a relación de postos, cales son as funcións que desempeña o PAS porque as cousas cambiaron moito nos últimos anos. Todo este impacto de novas tecnoloxías, etcétera, fai que tamén cambie o papel que ten que desempeñar o persoal de administración e servizos. Iso é outra tarefa que hai que facer a través da RPT, a revisión de postos de traballo.


Un colectivo afectado pola precarización é o persoal de limpeza.


Aí falamos doutra cousa. É unha situación un pouco diferente. O contrato de limpeza é un contrato de servizos que ten feito a universidade cunha empresa externa, non é persoal da universidade.


O estudantado reclama un aumento das partidas orzamentarias. Que valoración fai dos orzamentos que teñen as universidades galegas?


As universidades como a nosa, que é unha universidade pública, teñen que financiarse substancialmente con recursos públicos. Por unha banda dicimos que se no noso contexto, en Galicia, se está apostando por manter os prezos públicos baixos para que poda acceder maior número de persoas en mellores condicións, iso parécenos ben, pero debe dar lugar a que a Administración autonómica nos compense por outra vía para que poidamos facer fronte aos custos que se derivan da docencia universitaria.


Pola outra, o que temos que demandar é financiamento público que se vaia achegando aos estándares medios. Non chegamos aínda ao 1% do Produto Interior Bruto, deberamos chegar e estar un pouco por enriba. Iso é o que temos que revisar cando chegue o momento de negociar un novo plan de financiamento, que vai ser de cara o ano 2020. Por suposto necesitamos máis recursos. A universidade afrontou o período da crise con restricións, como todas as Administracións e as empresas privadas, pero cando a cousa empeza a estabilizarse temos que demandar que ten que chegar a melloría dos recursos dos que dispón a universidade.


Gran parte do estudantado valora o Plan Boloña como un fracaso. Que pensa vostede?


Estamos no momento en que xa podemos facer algunha análise sobre os resultados do Plan Boloña. Incorpora elementos moi positivos, no que é a orientación máis interactiva da actividade docente, realización de prácticas, actividades que melloren as capacidades e non se centren tanto no coñecemento.. todo iso é bo.


Pode haber algún problema na definición no que é o réxime de Boloña pero tamén hai outro aspecto que non se pode deixar de lado: tivo que implantarse nunha situación de recortes económicos e de escasez de recursos. Todo iso que se fixo tan típico de vamos facer máis con menos e todas as reformas a custe cero xeralmente non dá bos resultados. Iso pode explicar parte das insatisfaccións por parte do estudantado.


Considera que a USC é un espazo feminista?


Considero que na USC vai gañando espazo a presenza feminina en todos os ámbitos, no estudantado non hai dúbida. É verdade que aínda se manteñen algunhas diferenzas claras na presenza de homes e mulleres nalgunhas titulacións que teñen un perfil máis orientado a un ou outro sexo. Falamos que hai algunhas carreiras técnicas onde a presenza da muller é moito menor, sen embargo hai outras en ciencias sociais, humanidades.. onde hai unha presenza moi superior á dos homes. A min me parece que aí se está evolucionando razoablemente. Hai que tratar de abrir espazos de igualdade e de oportunidade para todos. No tema de profesorado e órganos de goberno temos que mellorar necesariamente, pero aí temos certo retraso porque na medida en que o acceso se fai por oposición, etcétera. A medida que está entrando moita máis xente para equilibrar ese desequilibrio que había, se ten que tender a esa igualdade e esa presenza. Nos órganos de goberno empeza a haber certa igualdade. Temos un equipo de goberno paritario, no goberno de centros e departamentos empeza a haber presenza case equilibrada de homes e mulleres, pero non podemos darnos por satisfeitos e penso que temos que seguir traballando nesa liña.


No seu programa existen medidas para paliar esta situación?


No programa introducimos liñas que tratan de ver desde a perspectiva de xénero cal é a situación na universidade en temas de investigación, de acceso, en temas de outra natureza como culturais, deportivos, onde aínda se aprecian algúns desequilibrios. Temos que apostar por tratar de aproximar esas realidades e temos algunhas actuación xa máis concretas sobre esas situación.


Recentemente o profesor Luciano Méndez Naya, publicou varios vídeos en apoio aos membros de La Manada e en contra a vítima. Como está a actuar a USC neste caso?


Sobre os primeiros vídeos houbo un expediente informativo, e á vista do expediente informativo a universidade decidiu poñer en coñecemento do fiscal para que se analice se eses vídeos poden ser constitutivos de un delito de odio, de incitación ao odio, en concreto contra a muller como categoría en xeral. Iso por un lado. Ademais apareceron outros incidentes, un con unha persoa concreta do persoal da limpeza alí mesmo, e hai algúns outros vídeos, e vamos a abrir o correspondente procedemento. Estamos con iso e vamos a ser, como dixemos sempre, absolutamente intransixentes. Non se pode admitir ningunha tibieza no que ten que ver con garantir o respecto que merecen as mulleres e [hai que] ser absolutamente intolerante fronte a calquera actuación que poda ter unha connotación machista ou que vaia en prexuízo de calquera idea de xénero. Desde logo imos actuar con toda contundencia dentro das ferramentas que temos, que é o réxime disciplinario se se considera que pode ser constitutivo dunha infracción.


Outra reivindicación do estudantado e grande preocupación para as alumnas é a seguridade nos campus. Que medidas ten a USC para acabar con isto?


Somos moi conscientes dese problema. Temos identificados cales son os puntos máis problemáticos. Temos que, colaborando incluso con outras institucións como pode ser o Concello, tratar de mellorar algúns puntos. Por exemplo, se falamos no campus sur, crear algunha zona de comunicación con boa iluminación que faga máis seguro o tránsito polo campus, mellorar a comunicación, mellorar a universidade, mellorar tamén a presenza da nosa propia brigada de seguridade. Estamos absolutamente concienciados con iso e vamos a tratar de poñer medidas para solucionalo á maior brevidade posible.


Como valora o uso do galego na Universidade de Santiago?


Aí teriamos que diferenciar varios ámbitos. No uso administrativo poderiamos dicir que está relativamente normalizado, pode haber algunha situación que salte nalgún momento determinado, pero digamos que está razoablemente normalizado.


O tema da investigación presenta outra peculiaridade distinta. Na medida en que se busca a maior difusión da investigación temos unha situación na que se alguén quere ter unha proxección potente internacional dos seus resultados xa non é nin galego nin castelán, senón que en moitos casos hai que ir a publicacións en inglés. A necesidade de chegar a un espazo máis amplo fai que se opte en moitos casos por outras linguas. O que hai que conseguir é que diante das instancias oportunas se valore tamén adecuadamente a investigación que se fai e se publica en outras linguas, especialmente o galego. Que por estar en galego non resulte inusual.


Despois temos a docencia na que os niveis do uso do galego son absolutamente insatisfactorios. Estamos ao redor do 20% de docencia impartida en galego con diferenzas ás veces entre uns graos e outros. Temos que tratar de incidir no uso normal do galego igual que se están tratando de implantar outras medidas como facer oferta noutras linguas estranxeiras, pero sen poñelos nunca no mesmo plano. O galego é a nosa lingua propia, ademais hai que facer oferta en inglés, pero non confundamos os termos.


Antonio lopez entrevista rector usc evaneira

Antonio López no seu despacho | Imaxe: Eva Neira Carballo


Como ve os vindeiros catro anos?


Diciámolo cando empezamos a precampaña. Chegamos aquí, estamos con moito traballo pero con moita ilusión para tratar de afrontar todos estes problemas e tratar de reorientar especialmente nalgúns destes puntos que temos identificados como prioritarios. Non está exento de dificultades e problemas, pero estamos con moitas ganas. Somos conscientes de que a situación é difícil pero estamos a temos de darlle un xiro que merece isto para poder afrontar con éxito eses catro anos e os anos futuros que lle quedan á universidade por diante, porque temos que mirar non só a catro anos senón que empezar cousas como os plans de persoal pensando a longo prazo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE