Seguirán os 101.000 afiliados do PPdeG o criterio de Feijóo?


Aproveitará as primarias o baltarismo para marcar territorio? Cantos dos máis de 100.000 afiliados que di ter o PPde Galicia pagan realmene as súas cotas? Confirmarase a alianza con Cospedal e o temor aos supostos dossieres de Soraya? Analizamos algunhas das cuestións que xorden para os conservadores galegos ao fío da loita por suceder a Rajoy.


|

Aproveitará as primarias o baltarismo para marcar territorio? Cantos dos máis de 100.000 afiliados que di ter o PPde Galicia pagan realmene as súas cotas? Confirmarase a alianza con Cospedal e o temor aos supostos dossieres de Soraya? Analizamos algunhas das cuestións que xorden para os conservadores galegos ao fío da loita por suceder a Rajoy.



Feijoocospedal

Feijóo e Cospedal nun pasado mitin en Santiago, a secretaria xeral do PP visitou Galicia moito máis a minúdo que o seu rival Saéz de Santamaría


Sabedor da importancia de apostar polo cabalo gañador, Alberto Nuñez Feijóo segue pensándose a quen dará o seu apoio no Congreso do PP. "O líder do PP que sexa elixido en xullo será candidato á Moncloa en 2020 e eu apoiareille" limitouse a dicir este xoves. 


De paso, non pechou a porta presentarse no futuro, cando acabe o seu mandato en San Caetano. O presidente da Xunta incluso afirmou que se o congreso para elixir relevo a Rajoy non se adiantara e fose en 2020 "probablemente" el presentaríase. Un claro, e inaudito por explícito, recoñecemento da súa ambición persoal.


Con estas cartas sobre a mesa a quen apoiará Feijóo para non prexudicar as súas posibles opcións futuras? Secundará a súa elección o resto do PPdeG?


Son dúas cuestións craves para o PP estatal. Galicia é unha das autonomías con máis peso e que, a priori, ten unha dirección que non está casada con ningún candidato.


Non sucede así noutras autonomías, como Andalucía. Alí, Javier Areas, que segue controlando en PP andaluz, apoiase a Sáez de Santamaría. A outra favorita, a ex-número 2 do partido María Dolores de Cospedal, foi a verdugo de Areas como ministro.


Mapa apoyos pp

Mapa de apoios por comunidades autónomas


Feijóo garda as súas cartas por agora á espera que se aclare o panorama. Sete candidatos son moitos e o mandatario galego xa deixou entrever que non lle gusta tal concorrencia, razoando que el ten só un voto e non o pode repartir.


Antes de que renunciase, especulábase -e moito- dunha posible candidatura conxunta de Cospedal secundando a  Feijóo. De feito, a líder do PP de Castela A Mancha non deu o paso adiante ata que o galego, soprendentemente, descartouse a última hora. Feijóo era o candidato desexado pola maioría de a cúpula do PP de España e ao borrarse, Cospedal correu a ocupar o seu sitio.


A fontes do PPdeG consultadas hoxe por Galiciapress  din ignorar por completo se Feijóo planea manter esa frustrada alianza con Cospedal. Na súa renuncia -cuxa escenografía semellaba máis un acto de campaña- lembran que o presidente fixo especial énfase en defender os intereses de Galicia ante unha hipotética reforma da Constitución. Así, o candidato que garanta a Feijóo que os galegos seguen tendo un status similar a vascos e cataláns ten moitas opcións de gañarse as simpatías do PPdeG, salientan as citadas fontes.


As simpatías do PPdeG pero non necesariamente as do PP de Ourense. A ninguén se lle esquece que os ourensáns teñen moito máis músculo que o que lles correspondería pola exigua e menguante demografía da súa provincia. O baltarismo lidera as clasificacións de porcentaxe voto 'popular' elección tras elección. Un músculo que é inútil se non se usa e non se lle saca réditos en momentos clave como este.


Apoiar un candidato diferente que o favorito de Feijóo e a Nécora permitiría a Manuel Baltar marcar territorio fronte aos que tentaron que el non chegase a liderar o PP de Ourense. Podería plantar batalla dunha maneira indirecta e sen sufrir demasiado castigo en caso de apostar por un cabalo que acabase perdendo, argumentan dirixentes do PP de Ourense consultados por esta redacción. 


Con todo, tambíen apuntan que o máis sinxelo e politicamente prudente por agora é facer o que fai Feijóo, non casar con ninguén, á espera de que haxa pactos entre os candidatos e despéxese o taboleiro.  


Outro factor para ter en conta son os rumores sobre os dossieres. Son moitas as linguas que do PP que cren que o círculo de Soraya estivo detrás da filtración das fotos do narco Marcial Dorado e que Feijóo, medorento ou advertido da posibilidade de novas filtracións, non se atreveu a xogar con lume.


De ser isto certo, resultaría sorprendente que Feijóo apoiase explicitamente a Saéz de Santamaría e o lóxico é que preferise a un dos outros dous candidatos con opcións, a citada Cospedal ou o mozo Pablo Casado, que logrou sorprender liderando en número de avais para a súa candidatura, con 5.000.


En todas estas cábalas, o primeiro que hai que ter en conta é que o PP di ter máis de 869.000 afiliados en toda España. Unha cifra espectactular, sobre todo tendo en conta que o PSOE di andar polos 210.000, Podemos uns 211.000 inscritos (que non pagan necesariamente unha cota) e Cidadáns uns 160.000 simpatizantes, pero só uns 28.000 militantes que pagan cota.


Cantos militantes do PP pagan a cota que, como lles lembran nesta data as súas direccións provinciais, dálles dereito a votar? Este é un dos segredos mellor gardados dos conservadores e que será desvelado en parte o 5 de xullo, cando se conten os votos das primarias. 


O que si é público, é que Cidadáns di que ingresará en cotas en todo o Estado 2,5 millóns por eses 28.000 militantes e o PP declarou en 2016 ingresar 2,9 millóns. Por tanto, o número de afiliados do PP ao corrente das súas obrigacións debería ser algo superior aos 28.000 dos que presume Cidadáns, pero en todo caso moi afastado desa estratosférica cifra total de 869.000. 


E en Galicia, cuantos militantes ten o PPdeG e cantos pagan, tendo dereito a votar? Galiciapress fixo estas preguntas ao Partido Popular galego. Fontes oficiais conservadores galegos responderon que "o número total de afiliados é 101.000" sen aclarar cantos achega cada provincia e cantos teñen as cotas ao día.

 

O que está claro é que a autonomía é a cuarta comunidade con máis compromisarios para o Congreso Extraordinario do 20 e 21 de Xullo. Se ningún candidato logra unha vitoria total nas primarias (máis do 50% dos votos, sacar 15 puntos ao seguinte candidato e ser ose maioritario na metade das circunscricións ) serán eses compromisarios quen decida co seu voto no Congreso. E isto é o máis posible dado que haberá sete papeletas nas primarias, o que favorece a división do voto dos militantes. 


O peso de Galicia débese en parte aos bos resultados conservadores nas eleccións xerais, criterio que decide o 25% dos compromisarios, e ao volume da militancia, criterio que decide o 75% dos compromisarios. Isto explica, por exemplo, que Ourense (73) teña case tantos compromisarios como unha provincia con moito máis peso demográfico, A Coruña (78). Dato importante a ter en conta se, como todo parece indicar, a última palabra téñena os compromisarios.

relacionada Feijóo non quere "deixar" sós aos galegos e faise o harakiri

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE