Iluminación celta na zona vella para dar a benvida ao solsticio de verán
O Concello de Boqueixón, en colaboración co de Santiago e coa Asociación da Fervenza do Castro de Callobre organiza a iluminación do centro histórico compostelán coa Ofrenda do Lume Sacro para dar a benvida ao solsticio de verán
As rúas do centro histórico de Santiago de Compostela iluminaranse o venres 22 de xuño para dar a benvida ao solsticio de verán. A Ofrenda do Lume Sacro, unha recreación da tradición pagá, realizarase a noite do 22, nunha iniciativa do Concello de Boqueixón, o Concello de Santiago e a Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada).
A actividade, como explicou o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, na presentación deste mércores, forma parte do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e da Sacralidade do Pico Sacro. A Ofrenda do Lume Sacro é un dos actos centrais de todos os que se enmarcan no programa e que se desenvolven ata o 29 de xuño.
"A comitiva, liderada pola Raíña Alda e polo Druída, darase cita na Carballeira de Santa Susana, na Alameda de Santiago, ás dez da noite. Desde alí comezará un vistoso desfile polas rúas do Centro histórico, que cobrarán luz cos fachos de lume sacro levadas polas tribos celtas de Boqueixón e Callobre", explicou o rexedor.
A Raíña Alda, tamén presente na presentación e encarnada por Montserrat Torres -membro da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre-, continuou coa explicación. "Unha vez alí, declamaré, ante min pobo e ante todas as persoas asistentes, a Alegoría do Lume. Concluirei esta cerimonia coa entrega do Lume Sacro a esta cidade que servirá para iluminar as cacharelas de San Juan coas chamas máis purificadoras", concluíu.
O Lume Sacro acenderase previamente o 17 de xuño ás 13.00h no Pico Sacro, unha cita á que Fernandez Munín animou a visitar.
Escribe o teu comentario