Compostela inaugura a súa Semana do Libro en Quintana
Con máis de 30 expositores de editoras, librerías e institucións, a feira aspira a alcanzar as cifras da pasada edición, que se saldou con visitas de ao redor de 1.000 persoas diarias.
Carpa SELIC en Quintana
A Praza da Quintana xa está preparada para acoller a 2ª Semana do Libro de Compostela 2018 (SELIC), que se inaugura este venres 1 de xuño ata o día 10.
Con máis de 30 expositores de editoras, librerías e institucións, a feira aspira a alcanzar as cifras da pasada edición, que se saldou con visitas de ao redor de 1.000 persoas diarias. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, falou de SELIC durante a súa presentación a pasada semana como un "gran evento literario de acordo cunha cidade inspiradora da palabra" como é Santiago.
Así, os expositores acollerán actividades durante todos os días da semana. De luns a venres, as casetas estarán abertas de 17,00 a 21,00 horas, mentres que sábados e domingos serán accesibles de 11,00 a 21,00 horas. Paralelamente, as persoas visitante poderán asistir a presentacións e firma de varias publicacións recentes, ademais de paseos literarios, recitais e contacontos.
Escritoras como Marga Tojo, Teresa Moure, Carlos Negro, Elí Rós e Ismael ramos, entre outras, formarán parte de diferentes actividades como mesas e debate e encontro con lectores e lectoras.
Entre as casetas que poderán atopar baixo a carpa de Quintana atópanse grandes editoriais como Galaxia ou Xerais, pero tamén librerías locais como Lila de Lilith ou Numax, así como bibliotecas e museos composteláns como institucións. Ademais, haberá espazos efémeros ocupados, por exemplo, pola Mesa Pola Normalización Lingüística, Traficantes de Soños ou Orfeu Negro.
Escribe o teu comentario