Así é traballar en Inditex se es muller

A CIG expuxo as condicións de "precariedade laboral" nas que viven as traballadoras de Inditex nunha rolda de prensa o pasado mércores 16 de maio. Almacéns abarrotados de mercadoría, brecha salarial e precariedade son algunhas das discriminacións relatadas por Transi Fernández (CIG).


|

  • A CIG expuxo as condicións de "precariedade laboral" nas que viven as traballadoras de Inditex nunha rolda de prensa o pasado mércores 16 de maio. 
  • Almacéns abarrotados de mercadoría, brecha salarial e precariedade son algunhas das discriminacións relatadas por Transi Fernández (CIG).

Inditex



3.368 millóns de euros, un 6,7% máis que no exercicio anterior. Eses foron os beneficios netos de Inditex no ano 2017, unha mellora ante o retroceso en vendas que sofren os seus competidores directos.


A compañía téxtil máis grande do mundo, por unha banda, facturou un 8,7% máis, con vendas por valor de máis de 25.000 millóns de euros. A empresa do home máis rico do mundo, polo outro, “ten máis do 80% do persoal a tempo parcial, e a maioría son mulleres”. Os datos ofrécenolos a secretaria nacional de CIG Servizos, Transi Fernández, alén do teléfono.


En conversación con Galiciapress, Fernández describe os problemas aos que se enfrontan as traballadoras do grupo, despois da rolda de prensa do pasado mércores da CIG para demandar negociar os Plans de Igualdade.


As últimas denuncias do sindicato UXT non son novidade no sector. “Ese problema de contratación xa o tivemos, e en moitas cadeas”, conta a responsable. Lembra denuncias nas tendas de Stradivarius da Coruña, onde “gañamos á inspección de traballo a Inditex, que tivo que poñer en xornada completa a moitas compañeiras que estaban a tempo parcial porque se pasaron en horas complementarias”. En suma, conta Fernández, ao longo do ano as traballadoras facían xornadas completas con horas extras, “iso é unha barbaridade”.


Os 'contratos eventuais eternos' que, segundo denuncian os sindicatos, afai facer a compañía son unha parte da problemática que se xesta nos seus establecementos. “Os almacéns son caóticos”, censura Fernández. “Son tan pequenos e hai tanta roupa que cando veñen os camións non hai maneira de pasar polos corredores”. A situación foi denunciada en moitas provincias ante a inspección de traballo en materia de riscos laborais, xa que, segundo denuncia, “incluso moitas veces as portas de evacuación están cheas de caixas”.


Sobre os horarios, a secretaria nacional de CIG Servizos denuncia que, en lugar de adiantar as xornadas de forma anual, “aínda se están facendo os calendarios laborais mensuais”, o que leva dificultades “sobre todo para a conciliación”.


“Estamos comprometidos coa promoción da igualdade de xénero a través de iniciativas de sensibilización e fomento da conciliación que van desde acordos con organismos oficiais ata axuda económicas en situacións especialmente sensibles”. Na web de Inditex, no subapartado de Igualdade e Diversidade, pódese ler a súa declaración de compromiso coa igualdade de xénero. Con todo, desde a Confederación Intersindical Galega, do mesmo xeito que desde outros sindicatos, trasládannos algo ben distinto.


DSC 0166

Protesta UXT ante Zara | Imaxe: Eva Neira Carballo


Pasa polo aspecto físico das traballadoras. “É penoso que en 2018 esteamos sempre escoitando como che tes que maquillar, como che tes que peitear, que pendentes tesche que poñer”, explica Fernández a Galiciapress. “Ás veces temos uniformes que nos degradan”, confesa.


Tamén pasa por os datos de homes e mulleres, que tampouco alentan a confiar na versión da compañía. “De toda a empresa, lvos que teñen xornada completa normalmente son os homes, non as mulleres”, sostén a responsable sindical. “Entre homes e mulleres hai diferenza salarial”, asegura. E é que, segundo cóntanos, as seccións de cabaleiro teñen comisións máis altas que os de muller e nenas, “e normalmente nos departamentos de cabaleiro poñen a homes”.


O sector téxtil e Inditex

Comisións Obreiras denunciou á mantenta do 8 de marzo as condicións das mulleres no sector servizos. “Dependentas do comercio téxtil relegadas a zonas ‘pouco visibles’ cando chegan a certa idade, pobreza salarial polo abuso da contratación a xornada parcial, falta de medidas para aplicar a corresponsabilidade, o acoso sexual ou por razón de sexo ou a non aplicación de medidas de protección á maternidade”, foron algunhas das situacións de expuxeron.


As mesmas situacións sobre as que alerta a CIG, e que levaron recentemente a UXT a mobilizarse contra os despedimentos fraudulentos de Zara. Pola súa banda, no grupo Inditex impera o silencio, ante as advertencias dos sindicatos de posibles paros se non melloran as condicións. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE