Entrevista ao presidente da Deputación de Lugo: “A Xunta non está na provincia de Lugo nin se lle espera”

Nesta entrevista o presidente da Deputación de Lugo denuncia que a “a Xunta puxo todo tipo trabas para abrir as residencias” de maiores. É un exemplo do boicot que Darío Campos cre que hai do Goberno Galego cara a provincia. As residencias son tamén o casus belli de Manuel Martínez para volver a provocar unha crise no Executivo Provincial. O alcalde de A Pontenova di sospeitar dun acordo co PP. O futuro do Breogán e a sentencia da manada son outros dos temas desta conversa mantida o pasado xoves no Pazo Provincial.



|

Nesta entrevista o presidente da Deputación de Lugo denuncia que a “a Xunta puxo todo tipo trabas para abrir as residencias” de maiores. É un exemplo do boicot que Darío Campos cre que hai do Goberno Galego cara a provincia. As residencias son tamén o casus belli de Manuel Martínez para volver a provocar unha crise no Executivo Provincial. O alcalde de A Pontenova di sospeitar dun acordo co PP. O futuro do Breogán e a sentencia da manada son outros dos temas desta conversa mantida o pasado xoves no Pazo Provincial.



Dariocamposdepulugo


Empecemos por un tema de máxima actualidade. Como valora a sentencia á “Manada”?


A Xustiza hai que respectala, obviamente, nesta e en todas as sentencias. Os xuíces pódense equivocar, como o resto dos mortais; pero a min paréceme unha sentencia, se os feitos están consumados e comprobados, que é curta. Aínda que admito non coñezo o tema a fondo, paréceme que a sentencia non se corresponde co delito.


Xa falando por política provincial, Lugo segue a ser noticia por unha nova crise de goberno causada por Manuel Martínez. Como inflúe na gobernabilidade da Deputación e no resto de lexislatura?


Espero que a oposición sexa responsable e traballe polo ben dos veciños. Eu sempre entendín a política -dende hai 12 anos no meu concello- como algo que pode mellorar a vida dos veciños. Outra xente entende a política con fins electorais, partidistas e incluso persoais. Eu iso non o compartirei nunca e creo que foi iso o que pasou no caso deste deputado.


Cre daquela as motivacións de Martínez son persoais? É evidente que non é a primeira vez que cambia de bando na Deputación …


Iso hai que preguntarllo a el eu só podo falar por min. O problema neste caso ven polo asunto das residencias. En 2015 xa votou canda o PP e non a min para ser presidente. Daquela deulle o goberno ao PP, logo volveu a entrar no partido, déuselle unha segunda oportunidade,eu cría que poderían funcionar as cousas relativamente ben. Aparentemente agora o problema son as residencias.


Aparentemente …


Aparentemente. Eu non sei se isto planificado, pero si que me dá a desconfianza de que houbo algo máis ca iso. Ofrecinlle levar dende a súa vicepresidencia as residencias, non o aceptou; cando había informes que nos alertaban de que podería haber visos de ilegalidade no enfoque anterior. Pedimos un informe a secretaría que creo é contundente. Aí ofrecémoslle levalas por vicepresidencia e non as aceptou. Logo vota en contra da Relación de Postos de Traballo (RPT), que ten un acordo sindical por unanimidade por vez primeira na Deputación. Aí xa se desatou toda a historia.


E visto e visto, cre que Martínez podería acabar presentándose no seu concello polo PP?


Eu podo falar por min. Non o sei.


Pero parece que hai certa coordinación entre eles …


Non sei se hai coordinación, pero algún acordo si que hai. No da RPT é incompresible que habendo acordo sindical e aprobado provisionalmente por ese deputado, e coa abstención do PP, dous días antes do pleno da aprobación definitiva os sindicatos contaba que ía saír para adiante. Non sei se tiñan acordo, pero sospeito que algo de acordo antes había. Paréceme desprezar o traballo deste goberno, a RPT el aprobouna provisionalmente, logo rompeu a disciplina de voto por algo que non tiña explicación.


Como inflúe isto no que o cidadán poida percibir da calidade das residencias?


Espero que en nada. Nós temos os informes dos interventores e da asesoría xurídica que van no mesmo sentido. Os técnicos nesta casa son os que xurídicamente din por onde temos que ir. Xa fixemos un acordo cos concellos que teñen residencias -salvo Castroverde, que se pode unir cando queira- e imos traballar coa folla de ruta xa marcada: unha xestión directa con control da Deputación e dos concellos.


Queda un ano de lexislatura, dentro dese ano que logros poderá mostrar a cidadanía da provincia?


Esta institución é o motor económico e social da provincia. Levamos sobre 130 millóns postos enriba da mesa na provincia durante estes dous anos e medio, cun grao de execución do 80%. Poucos gobernos incluso con maioría son quen de ter este grao de execución. Se te fixas na Xunta ou no Goberno Central non chegan a este grao. A maioría dos cartos van para infraestruturas. Somos os que máis obra pública licitamos na provincia, os que máis investimos en políticas activas de emprego -xerando máis de 1.500 postos de traballo nesta lexislatura, 180 que se incorporan en maio- e somos a institución que máis inviste en benestar social. Isto debe notarse. Temos unha teleasistencia gratuíta para máis de 1.500 lucenses. A nivel de Cultura somos tamén os que máis investimos con actividades en todos os lados. En deporte, levamos máis de 15 millóns de euros, somos a deputación galega que máis inviste en deporte por habitante e a terceira en España. En Turismo tamén somos os que máis investimos tamén con máis de 2.000 actividades.


E con estas cifras sobre a mesa, que ten que aportar ao debate -que rexurdirá de aquí a nada- sobre a vixencia e a utilidade das deputacións provinciais?


O problema, máis que de utilidade ou non, é de competencias. Non podemos ter competencias en servizos sociais, os concellos, a Xunta e incluso o Estado. Hai que definilas. As deputacións deben ter un papel sobre todo de axudas aos concellos pequenos, que na provincia son todos de menos de 20.000 habitantes menos a capital. Agora mesmo, se desaparece a Deputación a provincia de Lugo perdería moitísima actividade económica e social, porque todas estas festas de interese turístico e gastronómico son financiadas na súa maior parte pola Deputación. En deportes, o mesmo … Os concellos pequenos sen a deputación pasaríano realmente mal. Creo tamén que hai que redefinir as competencias e que cada administración cumpra coas súas competencias e con financiamento adecuado. Ao final, e eu son alcalde dun concello pequeno, A Pontenova, 2.400 habitantes; ao final se non fora o concello as actividades que farían aló a Xunta e o Estado serían cero, quen dinamizamos un pouco somos os concellos e as deputacións. Que se redefinan as competencias e que cada un cumpra as súas.


E nesa redefinición, que competencias deberían quedar na Deputación?


Habería que estudalo, eu non son experto xurídico, pero por exemplo os servizos mancomunados para aforrar. Por exemplo, a recollida do lixo. Creo que si ten sentido mancomunar servizos entre varios concellos para buscar unha rendibilidade maior.


Esta lexislatura non estivo marcada polas operacións xudiciais, pero si o estivo a anterior. Pasaron xa moitos anos dende a Operación Pulpo e non hai nin sentencias nin xuízos listos para a fase oral. Como inflúe este atraso da Xustiza a vida política da provincia?


Non sei se a nivel político, pero a nivel persoal si que inflúe. A nivel político, terás que deixalo, marchar para a casa … Pero a nivel persoal estar imputado durante cinco, seis ou dez anos … Eu creo que é grave. Obviamente á Xustiza hai que respectala, eu eu respéctoa, pero tamén pedirlle axilidade. Non se pode ter unha persoa pendente da súa inocencia ou culpabilidade durante tanto tempo. Agardo que alguén tome nota deste tema e o axilice. Teño compañeiros como o alcalde de Castro de Rei que pasou un calvario. É amigo meu e sei que o pasou moi mal; ao final para nada, porque saíu absolto. Iso non ten ningún sentido, pasar cinco anos no mellor da túa vida inculpado por nada. Unha investigación non pode durar cinco anos.


Nestes doce meses que quedan de lexislatura, que lle gustaría conseguir?


A parte do investimento en estradas, o que eu teño entre cella e cella é abrir as residencias. Está claro o déficit de residencias. Outras administracións que teñen competencias non as fan, neste caso a Xunta, cando a Deputación quere montalas non se lle deberían poñer trabas. Dende a Xunta púxose todo tipo de trabas para que estas residencias non se levaran a cabo. A miña prioridade é abrilas. Tamén o centro de recría de Castro de Rei e dúas piscinas climatizadas que se fixeron na lexislatura pasada e que quero poñer en marcha.


Daquela cre que o PP está utilizando as institucións partidariamente no tema das residencias?


Está moi claro, clarísimo. Por exemplo, aquí facemos un plan único e o PP de Lugo apóiao aquí e logo a Xunta non o quere nin ver. Obviamente, nesta provincia de Lugo, a Xunta tenos discriminado non só en iso, tamén ao non termos hemodinámica 24 horas. O doutor Juanatey, cardiólogo de recoñecido prestixio, leva repetindo varios anos que era fundamental tela en Lugo. As estradas do Estado e da Xunta están como están. Non quero dicir que as nosas estean mellor, pero nós temos 4.300 quilómetros de estrada e a Xunta e o Estado uns 600. A Autovía a Ourense está paralizada, e tiña que estar rematada en 2010. Na costa as infraestruturas ferroviarias e de estradas son as mesmas que hai 40 anos. A autovía a San Cibrao levan 12 anos prometéndoa. A Xunta non está na provincia de Lugo nin se lle espera. Nos orzamentos do Estado sacaron máis de 120 millóns de euros para a provincia. A Deputación é a única administración que está respostando ás necesidades do veciños.


Tras unha etapa bastante convulsa no PSdeG a nivel autonómico, Gonzalo Caballero gañou as primarias hai un meses. Como valora até o de agora a súa labor?


Polo de agora non dá moito tempo a valoralo. Está a facer o seu traballo, mantendo contactos pola rexión con toda a militancia. Hai que respectalo e apoialo. Temos que darlle un tempo e ver como o fai. Agora mesmo traballa nun bo sentido e hai que ir con el a morte. Dentro de catro anos non se sabe, se fai un bo traballo e en función dos resultados poderá seguir e se non cambiámolo; pero hai que darlle tempo para que se equivoque ou acerte.


Unha última pregunta sobre deportes. O Breogán ascendeu á ACB pero agora cómpre asegurar os cartos para pagar o canon. Cal é o grao de compromiso da Deputación co proxecto do Breogán?


O certo é que o Breogán nunca tivo queixa da Deputación. Haberá que traballar para conseguir ese ascenso, nós estamos pensando na cesión do pavillón para incrementarlle o patrimonio e así cumprir o ratio; e os equipos que xogan alí van seguir tendo dereito a xogar alí. Economicamente, imos seguir apoiándoos como sempre. É un bo ano para o deporte de Lugo e a Deputación está detrás de isto tamén. Obviamente non depende todo de nós, nós botamos unha man e seguiremos botándoa, pero o resto das institucións e a provincia tense que involucrar.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE