Xulio Ferreiro: “As pensións públicas están en perigo porque PP e C's queren acabar con el”

Nesta entrevista, o alcalde da Coruña acusa ao Partido Popular de empregar as institucións para facer campaña, nomeadamente a Beatriz Mato, polo seu “uso do seu papel de conselleira para deixarse ver na cidade”. O futuro do sistema público de pensións, a okupación da Comandacia, a Área Metropolitana e as leas de En Marea son outros dos temas desta conversa.



|

Nesta entrevista, o alcalde da Coruña acusa ao Partido Popular de empregar as institucións para facer campaña, nomeadamente a Beatriz Mato, polo seu “uso do seu papel de conselleira para deixarse ver na cidade”. O futuro do sistema público de pensións, a okupación da Comandacia, a Área Metropolitana e as leas de En Marea son outros dos temas desta conversa.



SGR 20180321 entrevista xulio G88B2519



Esta días os alcaldes da comarca mantiveron unha reunión para activar a área metropolitana. A postura do Concello da Coruña é que debe ir máis alá de compartir servizos, por que?


Ten que ser o instrumento de goberno da cidade real, que vai máis alá dos nosos límites municipais da cidade, basicamente na primeira coroa de concellos, pero con relacións máis alá. Consorciar os servizos é importante porque melloras a eficiencia, diminúes custes e creas economía de escala. Creo que se poden acometer proxectos máis ambiciosos, ir máis alá. Temos que ter máis que un instrumento de xestión de servizos. Isto significa ordenar o territorio e a mobilidade dende a perspectiva metropolitana, crear dinámicas de emprego e de innovación dende esta perspectiva. Isto é un proxecto de gobernanza ambicioso e con altura de miras para as próximas décadas.


Outro paso máis alá tamén sería a fusión de concellos …


O importante é ter sinerxias e instrumentos de gobernanza globais. A fusión en si mesma non ten porque ser boa, nin mala. Hai que adaptala á realidade. Creo que aquí hai concellos que teñen unha idiosincrasia e tampouco hai porque perder iso se ao mesmo tempo temos instrumentos para tomar decisións conxuntas. Si estou de acordo en agrupar, pero non diluír, porque temos a capacidade de facelo sen xerar estruturas custosas que veñan a aumentar a burocracia.


Fomento anunciou o mércores o plan concreto para ampliar a principal vía de acceso á cidade. Vostede lamenta non ter información sobre a reforma de Alfredo Molina. Como é posible que o alcalde da urbe non teña información sobre unha obra tan relevante?


Non o sei. Coa anterior ministra si tiña esta información, chamaba por teléfono e me contaba o que ía pasando. Con esta administración é imposible ter esta información e na nota de prensa tampouco se ofrece. Lamentablemente, o PP, dentro da súa estratexia levada pola desesperación e ansiedade, utiliza as institucións unha vez máis como instrumento partidista. Leva moitos anos facéndoo así e en intres de crise profunda interna como os que vive, agudízase esta forma de traballar.


Outro tema destacado na cidade é a okupación da Comandancia da Marina. Vostede di que ten a esperanza de que non remate nun desaloxo forzado …


Non sei de dixen esperanza, dixen que lles deixaba a porta aberta a participar.


Pero cos precedentes do movemento okupa, non moi dado a participar en iniciativas institucionais …


Noutros lugares se estaba pedindo aos concellos precisamente o que nós estamos a ofrecer aquí.


Teme que isto remate nun desaloxo violento?


A min gustaríame que non fose así. Estamos na obriga de que ese equipamento público sexa xestionado polo menos cun papel da administración e que sobre todo sexa un equipamento aberto a toda a cidade, dinamizador do barrio; e que non sexa, por así dicilo, patrimonializado por ninguén.


Vostede aplaudiu a labor de oposición que está a facer o BNG. E como están as relacións co PSdeG?


Sempre foron máis complicadas. Agora mesmo hai vías de entendemento nalgúns asuntos. Noutros é máis difícil. Resúltame complicado ver que nalgún tema o PSOE fai de palmeiro, un pouco, do PP. Creo que estamos mellor que noutras épocas do mandato. Non sei se a medida que se achegue a recta final como vai variar a cousa. Escoitei que están dispostos a que pactemos o uso do superávit para o investimento. Paréceme ben, unha postura mellor que o ano pasado, na que houbo que destinar parte á débeda. Veremos. Nunca foi doado. Todos creo que estamos poñendo empeño en chegar acordos polo ben da cidade.


A fin de semana foi a reunión da coordinadora de En Marea. Vostede non asistiu, os alcaldes de Ferrol e Santiago tampouco, malia que vostedes foron clave para que a confluencia saíra adiante. Por que non foron?


Un ten unha semana dura no Concello. O sábado tiña axenda tamén.


Foi un problema loxístico logo?


Non. Hai cousas que non dependen de un e as que tiña que asistir o sábado pola mañá. A miña ausencia non é tan relevante para ter que modificar a axenda de concelleiros e cidadáns con actos que xa estaban comprometidos. Non é tan relevante, estase intentando facer moito rebumbio cando non hai tal.


Daquela vostede está satisfeito co labor de En Marea a nivel autonómico?


Estou centrado no local, no Concello, en sacar adiante os proxectos da cidade.


Un dos socios relevantes da coalición da cidade é Podemos, que agora empeza un proceso interno para votar se volven a integrarse na confluencia da Coruña. Como ve as perspectivas de integralos na Marea Atlántica?


Están integrados dende o nacemento da Marea Atlántica. Hai militantes de Podemos que participan activamente na marea, nos grupos de traballo, no proceso de marea viva. Non vexo ningún elemento de discordancia. Creo que os inscritos de Podemos teñen moi claro que os procesos municipalistas foron un éxito, que a Marea Atlántica foi un éxito, e que iso foi porque aunamos vontades, sumamos, abandonando identidades propias para construír unha identidade maior. Creo que non hai razóns para non seguir por este camiño, máis ben o contrario.


No chanzo superior, o provincial, nas pasadas eleccións os votos das mareas locais non se trasladaron a toda a representación que lle correspondía por non presentarse coaligadas. Agora En Marea está a facer un chamamento para construír un paraugas instrumental e evitar que isto volva a suceder. Como ve está idea?


Estou de acordo en que as mareas municipalistas temos que tentar buscar fórmulas para sumar non só votos para as deputacións senón artellar o proceso de convocatoria e axudarnos mutuamente. Creo que hai que buscar esas fórmulas. Dende o respecto a autonomía municipal, que sumemos sinerxias é positivo. De feito, nós levamos moito tempo facéndoo. Fixémolo na FEGAMP, apoiando unha lista que traspasaba os límites do que daquela era En Marea. Facémolo a diario, en contacto con outras alcaldías e grupos municipais.


Vostede leva tempo expresando a súa preocupación polo futuro do sistema público de pensións. Está en perigo?


Está en perigo porque hai quen quere acabar con el. Non é un perigo técnico nin económico, é político. Hai unha aposta non só do PP senón tamén de Ciudadanos por acabar co sistema público de pensións para abrir outro nicho de mercado ás sociedades financeiras, potenciando os sistemas privados e facendo co público sexa residual e necesite de complemento e, polo tanto, derivando parte do diñeiro que agora se xestiona no público. Ten que haber unha aposta polo sistema público de pensións, é un dereito que recoñece a Constitución, que fala da necesidade de manter o poder adquisitivo dos pensionistas. É un dereito fundamental dos pensionistas actuais e de todos os que agardamos selo algún día. Necesitamos tranquilidade para gozar das nosas vidas despois de periplos laborais que cada vez son máis complicados.


Queda un ano de lexislatura, que lle gustaría lograr nesta recta final para a cidade?


Ir pechando os proxectos que abrimos. Deixar encarrilado a conformación da Área Metropolitana. Gustaríame un consenso sobre o borde litoral con outras administracións. Deixar implantado o novo mapa de liñas de autobús e tamén a estrutura dun sistema de transporte metropolitano. Lograr que a Cidade Vella estivese peonalizada, que o estará. Ver as obras dos mercados en marcha. Hai moitas cousas que me gustaría pechar.


Se cadra o tema máis importante a nivel urbanístico e económico é a ordenación do litoral. Que modelo de litoral defenden?


Un nos que os terreos portuarios seguiran sendo un pulmón económico para a cidade, ligado á innovación e a economía azul, creando diversificación produtiva na Coruña e na súa comarca. Gustaríame que se gañasen tamén espazos abertos para o desfrute da cidadanía. Tamén que a mobilidade da cidade poidese encauzar con ese borde litoral para mellorar a conexión coa Ría do Burgo. Hai un proxecto bonito, cómpre salvar o borde litoral da especulación e adicalo ao goceda cidadanía e á produtividade.


E por último, como valora o dobre papel da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, tamén candidata oficiosa á alcaldía da Coruña polo PPdeG? Está xogando limpo?


O que non sei é cando actúa de conselleira. Vexo bastante pouca actuación de conselleira e bastante uso do seu papel de conselleira para deixarse ver na cidade. O que boto en falta son verdadeiras políticas medioambientais en Galicia, que como conselleira, por exemplo, se preocupase de que non se instalase unha planta de residuos ou que a planta de Oza siga como posible foco de contaminación na cidade. Cando lle toca actuar de conselleira vexo bastantes eivas.



SGR 20180321 entrevista xulio G88B2544






Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE