Decenas de persoas saen ás rúas de Lugo en defensa dos seus dereitos lingüísticos

Buscaban criticar e visibilizar o que a Mesa pola Normalización Lingüística considerou toda unha agresión lingüística cara á cidadá galega Adela Figueroa.



|


DSC08703


Decenas de persoas manifestáronse en Lugo en reivindicación dos seus dereitos lingüísticos, para criticar e visibilizar o que a Mesa pola Normalización Lingüística considerou toda unha agresión cara á cidadá galega Adela Figueroa.


Os feitos que denuncia a Mesa e sobre os que se sustentan as reivindicacións desta manifestación remóntanse ao pasado 26 de febreiro, cando Adela Figueroa, en busca de información sobre clubes deportivos, solicitoulle a unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo poder ser atendida en galego.


Dacordo ao declarado pola denunciante e a Mesa, a funcionaria negouse á devandita petición, respondendo: “No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A esta posición sumouse outras das empregadas públicas, que esgrimiu que só falaba castelán, e que tampouco lle daba a gana de falar en galego. Ante a defensa do galego por parte de Adela Figueroa, a funcionaria respondeu que “ni gallego ni catalán, con solo castellano mucho mejor”.


De feito, segundo denunciou A Mesa, unha das funcionarias chegou a sinalar: "Yo fui de la Sección femenina de la Falange. Y bien orgullosa que estoy de serlo. Trabajé en Madrid en la casa del Paseo de la Castellana, debajo del escudo del yugo y las flechas. Ojalá volviese Franco. Buena falta hacía!".


RACISMO LINGÜÍSTICO


Fronte a estes comentarios, a Mesa alude á propia lexislación, que dita que quen ten a posibilidade de elixir idioma “é a persoa usuaria do servizo”, mentres que “o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite”. A secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos, declarou pola súa banda que “non recoñecer o dereito á atención en galego é unha mostra de desprezo ao noso pobo”, unha situación que denomina “racismo lingüístico”.


Doutra banda a Mesa, que xa tramitou queixas ante a Consellería de Presidencia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Valedor do Pobo, atopa na política lingüística do PP un “esforzo desgaleguizador” e unha das principais causas desta clase de agresións. 


Reivindica tamén os dereitos expostos no Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización lingüística, onde se estipula que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública.


A isto contribúe, ademais, a Lei 2/2015 do 29 de abril do emprego público de Galicia, xunto con diversa lexislación nacional e internacional como a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias ou a Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas. 


Nelas especifícase o compromiso e a obrigación do funcionariado á hora de garantir a atención na lingua que solicite cada cidadán, así como os seus dereitos ao utilizar a lingua oficial de cada territorio.


A VERSIÓN DAS DENUNCIADAS


As traballadoras denunciadas, pola súa banda, xa responderan ás acusacións nun comunicado, onde explicaron que a usuaria chegou “fóra do horario de atención ao público” e facilitóuselle toda “a información verbal e documental” relacionada.


“Non foi ata o final da consulta, cando esta cidadá solicitou ser atendida en galego, nun ton moi desagradable, que non se correspondía co empregado ata ese momento por ningunha das partes”, sinalan.


Explican ademais a “dificultade de atender a súa petición” despois de que a denunciante empregase “galego reintegracionista, como o que despois empregou no escrito de queixa”, e destacan “unha actitude hostil, dificultando en gran medida a súa comprensión”.


relacionada Denuncias cruzadas entre dúas funcionarias e A Mesa polo galego
relacionada "Feirando" de segunda a sexta: os case esquecidos días da semana

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE