Vídeo: Bocixa presenta o primeiro documental sobre o conflito da mina de Touro
Nós Televisión e TingaLaranga Audiovisual presentan este mércores 'Touro O Pino, A ameaza do cobre', unha produción audiovisual de 55 minutos enfocado nesta problemática
Este mércores Nós Televisión e TingaLaranga Audiovisual presentan o primeiro documental enfocado na grave problemática da mina de Touro, unha produción audiovisual de 55 minutos dirixida polo coñecido cineasta galego Xosé Bocixa. A presentación pública de 'Touro O Pino, A ameaza do cobre', terá lugar ás 19.00 horas no Centro Sociocultural de Fontiñas, en Santiago.
Xunto á presentación do documental, o evento acollerá un debate ao redor dos perigos e consecuencias da Mina de Touro, protagonizado por afectados da zona e do propio Xosé Bocixa.
A ameaza do cobre. Presentamos un adianto do documental sobre a mina de Touro que presentaremos este mesmo mércores en Compostela pic.twitter.com/VfF3TRVfI2
— Nós Televisión (@NosTelevision) 11 de marzo de 2018
O director de 'Touro O Pino, A ameaza do cobre, acumula unha máis que notable experiencia no traballo documental, sendo unha das súas obras máis coñecidas 'As Encrobas. A ceo aberto'. Nela, recóllese a incansable loita que decenas de veciños das Encrobas (Cerceda), paus e paraugas en man, levaron a cabo contra a Garda Civil e a expropiación das súas terras, que Unión Fenosa necesitaba para explotar a mina.
Anos máis tarde, Xosé Bocixa dirixiría con Paco Gallego unha peza audiovisual dividida en dúas partes ou capítulos, 'Unha muller que pasa - Silencio', na que abordarían a temática dos desafiuzamentos usando 'Follas Novas' de Rosalía de Castro como principal fío condutor.
Trátase, en definitiva, dun cineasta con grandes experiencias á hora de plasmar diversas reivindicacións sociais, cuxa produción audiovisual en TingaLaranga compaxina coa súa faceta musical no grupo de rock Zënzar, con máis de vinte anos de música combativa ás súas costas.
Escribe o teu comentario