​Carmela Silva: “Se as mulleres non temos a mesma autonomía económica que os homes, é moi difícil ser libre”


A presidenta da Deputación de Pontevedra explica os motivos para facer folga este #8M. De “espectacular” cualifica a súa relación co BNG no goberno dun ente que xa non é “un niño de caciques”. As leas internas do PP, o pergamiño Vindel e o novo sistema de visita a Cíes son outros temas desta entrevista.



|

A presidenta da Deputación de Pontevedra explica os motivos para facer folga este #8M. De “espectacular” cualifica a súa relación co BNG no goberno dun ente que xa non é “un niño de caciques”. As leas internas do PP, o pergamiño Vindel e o novo sistema de visita a Cíes son outros temas desta entrevista.



Carmela Silva2b



A presidenta da Deputación de Pontevedra fai folga este día 8 de marzo?


Si claro, eu fago folga de 24 horas este xoves.


Por que?


É a proposta máis relevante que se fixo nos últimos anos, mostrar que se as mulleres paramos o mundo párase. Ás 12 hai unha concentración na deputación na que leremos un manifesto, do mesmo xeito que as hai noutros lugares. Eu non terei axenda este día. A miña única actividade vai ser participar neste #8M. E non só eu, senón o meu gabinete. E fago un chamamento para que a maioría das mulleres da deputación paren.


A nivel político en Galicia hai visións contrapostas. Por exemplo, a Miguel Tellado, portavoz do PPdeG, parecíalle unha folga machista …


Con todo o respecto do mundo non contesto a afirmacións que son energúmenas. Remítome aos datos, que son brutais. En Galicia hai 48.000 mulleres menos incorporadas ao mercado laboral. Tres de cada catro contratos parciais son desempeñados por mulleres. O 77,3%. O paro das galegas é 1,4 puntos maior que o dos galegos. A brecha salarial é dun 22%. Nas pensións hai 40 puntos de diferenza, case 5.600 euros ao ano. As galegas perciben a pensión de xubilación máis baixa de todo o Estado. Galicia é a quinta autonomía con salario medio anual máis baixo de España. Con estes datos, alguén pode dicir que non hai motivos para facer unha folga o oito de marzo? Xa lle digo a afirmacións carvernícolas prefiro non contestar.


E de todos estes problemas, cal considera o máis urxente?


A loita contra as violencias machistas. O ano pasado foron asasinadas 55 mulleres. E despois a igualdade laboral e salarial. Se as mulleres non temos a mesma autonomía económica que os homes, é moi difícil ser libre.


O alcalde de Vigo convocou un pleno extraordinario para que o Goberno comprase o pergamiño Vindel e Alberto Nuñez Feijóo dixo que Galicia só dicía ata logo ao documento. Débese investir diñeiro público na súa adquisición?


Non hai ningún só galego ou español que non desexe que o pergamiño Vindel volva a Vigo; ao lugar onde foi escrito por Martín Códax. Non só é a historia do nacemento do idioma galego, que o é, é a historia do nacemento da lírica mundial. Todo o mundo aplaudiría que estivese en Vigo, é algo que nos pertence.


Xa, pero a Deputación debese participar nese hipotético esforzo económico para recuperalo?


O Goberno de España comprou outros acenos de identidade doutras partes de España. Por tanto, debe ser o Goberno e a Xunta as que fagan o esforzo de tentar traelo a Vigo. Entre outras cousas porque a Deputación de Pontevedra ten 152 millóns de euros de orzamento e a Xunta máis de 9.000. E o goberno de España miles e miles. Non se pode comparar a capacidade financeira da administración estatal e autonómica coa provincial. Espero que tanto Xunta e Goberno de Xunta digan que teñen que participar outras administracións. Sería algo totalmente inxusto porque compraron outros elementos da nosa cultura. O Pergamiño Vindel non merece menos.


Falando da Xunta, outro tema relacionado con Pontevedra de actualidade é o novo sistema para as visitas ás Cíes. A poucas semanas dunha época crave do turismo como Semana Santa, cre que a Xunta ten lista a nova operativa?


O presidente Feijóo é presidente desde hai moitos anos e por tanto tiña que tomar decisións sobre o que estaba a ocorrer co transporte de ría para chegar a Cíes. E non fixeron nada. Só movéronse cando as denuncias eran de tal calado e había tal presión social que tiveron que tomar decisións. Pero estas decisións tomadas dun día para outro sen ter un plan ou sen ter un proxecto … Os visitantes chegaron un día e quedaron tirados porque a Xunta decidiu dun día para outro decisións que hai que tomar con tempo, estudo e datos. A Xunta no canto de tomar decisións con tempo e reunirse -tamén co alcalde de Vigo- con todos os sectores para acordar un modelo, dun día para outro impoñen unha decisión. Cando un impón as cousas adoitan saír mal. En cuestións tan sensibles como estas -porque as Cíes atraen cada vez máis visitantes pero hai que preservar a contorna e a seguridade- non se pode facer a golpe de presión social senón con rigor e falando con todo o mundo. Este verán pode pasar calquera cousa, porque non reflexionaron ben e espero que teñan “sentidiño”.


Estamos na recta final de lexislatura, como valora a experiencia de gobernar nun bipartito co BNG despois de experiencias que non saíron ben como a da Xunta?


Esaxerouse moito o que pasou no bipartito da Xunta porque interesaba. A discrepancia forma parte de todas as familias e arránxase co diálogo e tentar chegar a consensos. A xente debe mirar aos conflitos internos moi duros do PP. Iso si, calados e silenciados. Non hai máis nada que ver a Feijoó tentando colocarse na liña de sucesión de Rajoy. Hai outros que están nunha loita total pola sucesión.


Xa, que tal foi a experiencia de gobernar co Bloque?


Non é que teña unha boa relación, teño unha relación extraordinaria con todos os membros e miembras do meu goberno. Co BNG, teño unha relación espectacular. Nós asinamos un acordo de goberno que é a nosa folla de ruta para transformar esta administración e que pasase dun niño de caciques a ser unha administración que xestiona para a cidadanía e conseguímolo. Ademais, a nivel persoal a relación é moi boa. Somos un goberno único, moi potente e que está a poñer en marcha moitas novas políticas que a xente está a aplaudir. Gobernar xuntos distintos grupos políticos é sinxelo se sabes o que queres facer. E o BNG e o PSdeG na Deputación témolo moi claro.


E Carmela Silva meditou se o ano que vén presentarase ao Concello de Vigo na lista do PSdeG, como evental primeiro paso para volver á Deputación?


Agora non é o momento de falar desas cousas. Eu estiven co Alcalde de Vigo, que vai ter un resultado espectacular. Se nas anteriores municipais tivo o 52 por cento dos votos, en 2019 estou segura que vai superar esa porcentaxe porque os vigueses recoñécenlle un labor espectacular. A cidade cambiou radicalmente. Eu sempre fun na lista con Abel Caballero. Será o quen decida e expoña que lista quere facer, pero este non é o momento. Eu estou como presidenta da Deputación entre outras cousas porque dos 10 deputados que temos, sete foron elixidos no partido xudicial de Vigo. Estou segura de que imos repetir na Deputación porque o PP vai ter unha caída espectacular en Vigo, van ter unha representación mínima, polo que o PSOE terá aínda mellor representación na provincia. O PP vai baixar moito en porcentaxe de voto para municipais. Imos seguir gobernando a deputación e para iso hai que ser concelleira.


Por último, Gonzalo Caballero cumpre máis de 100 días como líder do socialismo galego. Que valoración fai dos seus primeiros pasos?


A Gonzallo Caballero votárono os militantes e por tanto é é secretario de todos os socialistas galegos. Creo que se está traballando moito e falando dos problemas da cidadanía e non de nós e nós. Cando estás en primarias, e nós botamos dous anos en primarias, fálase moito dun mesmo … Agora estase falando dos problemas da xente, como a desertización do rural, a falta de política industrial, a falta dun proxecto económico, a falta de financiamento do I+D, a falta dunha aposta real pola nosa cultura ou un proxecto turístico para Galicia que sexa sustentable. Creo que desde a Executiva galega liderada por Gonzalo Caballero estase tentado propoñer unha alternativa a esta situación e por tanto eu estou satisfeita. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE