A costa segue en alerta por temporal, pero a chuvia amaina pola tarde
As nevadas dos últimos días xa non provocan restricións de circulación na rede viaria galega.
Acceso á praia cortado na Coruña.
O litoral galego permanece este mércores en aviso amarelo por vento no mar, que poderá alcanzar forza sete, e mar combinado do noroeste, con ondas de ata catro metros.
Ademais, a provincia de Pontevedra tamén ten aviso amarelo activado, neste caso por chuvias que poderán deixar acumulados 40 litros por metro cadrado ata as tres da tarde. Este nivel de alerta, segundo a información de Meteogalicia, esténdese ao suroeste e ao oeste da provincia da Coruña.
E é que, durante a xornada deste mércores, Galicia continúa na influencia das baixas presións atlánticas que achegan inestabilidade e aire morno pero moi cargado de humidade.
Así, espérase un día de ceo moi gris e chuvia, algo máis persistente e xeneralizada pola mañá, tendendo a diminuír pola tarde, con puntos das provincias de Lugo e Ourense sen precipitación a partir do mediodía.
A NEVE RETÍRASE
En canto ás estradas, as nevadas dos últimos días xa non provocan restricións de circulación na rede viaria galega, que ata esta noite se mantiveron en diversas estradas da provincia de Lugo.
En concreto, prohibiuse o tránsito de camións e articulados na Fonsagrada, na LU-701, a LU-740 e na LU-751. Tamén estivo condicionada a circulación na A-6 (entre os quilómetros 435 e 432), na LU-530 e na LU-633.
Escribe o teu comentario