A transformación da Costa da Morte e o encaixe de Camariñas, en clave feminista
Unha investigación feita no País Vasco indaga no papel da muller desde o século XVIII.
Unha tese doutoral do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) analiza as transformacións da Costa da Morte e o patrimonio do encaixe de Camariñas cunha perspectiva feminista, desde o papel "vital" das mulleres no coidado da cultura.
En concreto, segundo explicou o CSIC nun comunicado, trátase da tese titulda como 'Da paisaxe ao corpo: unha crítica feminista da patrimonialización do encaixe na Costa da Morte', da doutora en Antropoloxía pola Universidade do País Vasco (UPV) Guadalupe Jiménez Esquinas.
A investigación, redactada tras un traballo de campo de seis anos, analiza as representacións histórico-políticas da Costa da Morte e a súa xestión territorial e paisaxística desde o século XVIII ata a actualidade
Así, segundo palabras da autora, a tese céntrase en como as medidas políticas "operan sobre mulleres concretas nos procesos de patrimonialización da natureza, a economía e a tradición que está a ter alí".
Neste contexto, a autora introduce "a crítica feminista" nun "xiro" no tipo de preguntas de investigación: "como se están representando ás mulleres", "quen e como está a xestionar o patrimonio" e "quen as constrúe como suxeitos", entre outras.
"PAPEL VITAL" DAS MULLERES
Ademais, a investigación presta atención á xestión da Costa da Morte "desde o márketing territorial", engade a investigadora, así como as consecuencias do desastre do 'Prestige' e a emigración e o franquismo nas mulleres que se dedicaban á artesanía téxtil.
E é que, para Jiménez, as mulleres "xogaron un papel vital na conservación, mantemento e coidado da cultura, as tradicións, o popular, a vida social e a vida cotiá", entre outros ámbitos.
En definitiva, estes son asuntos que, en palabras da autora, "foron considerados como parte das súas obrigacións", pero que "repercutiron no ben doutras persoas ou da sociedade en xeral".
Escribe o teu comentario