Rescatan a un home en Covelo tras precipirtarse por un barranco
O ferido, tras ser rescatado, foi trasladado nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Álvaro Cunqueiro
Un home foi rescatado este xoves tras precipitar por un barranco o coche que conducía no municipio pontevedrés de Covelo.
Segundo informou o 112, os Bombeiros de Ponteareas, tras asegurar o vehículo para evitar que se desprazase pola ladeira, axudaron á persoa a saír do seu interior, que foi evacuada polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
O persoal sanitario foi quen, dez minutos antes da 1,00 horas, solicitaba axuda ao 112 Galicia para rescatar a unha persoa que estaba atrapada no interior dun vehículo que se precipitou por un terraplén despois de saír da vía, na EP-5103, entre os quilómetros 3 e 4, en Godóns.
Tamén, a esa hora, unha persoa particular contactaba cos xestores de emerxencias para informar deste accidente.
Así, ademais do persoal sanitario, até o lugar acudiron nada máis ser informados polo 112 Galicia os Bombeiros-GES de Ponteareas e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Vea, así como os axentes de Tráfico. Así mesmo, foron informados os membros do GES de Ribadavia, aínda que, tras comunicar a súa saída, finalmente, non foi precisa a súa intervención.
O ferido, tras ser rescatado, foi trasladado nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Escribe o teu comentario